A industria da verbena factura 26,2 millóns anuais

A industria das verbenas xera en Galicia uns 4.000 empregos e factura 26,2 millóns de euros anuais. Así se desprende de Do palco ó escenario, o primeiro estudo que analiza de forma específica este sector económico e cultural na comunidade. Foi elaborado polo equipo Canle Campus da Universidade de Santiago de Compostela, co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Xaime Fandiño, coordinador desta análise, insistiu na súa presentación en que, ata o momento, todos os estudos sobre este campo baseáronse en ''suposicións e estimacións parciais e pouco contrastadas". De feito, asegurou que atoparon "moi pouco material escrito" co que traballar.

Así, o seu equipo solicitou os datos falando directamente con 400 artistas, técnicos ou representantes de comisións de festas de toda Galicia. Tamén fixeron 50 entrevistas persoais, para poder detallar a organización e o modus operandi das orquestras.

Segundo este informe, os profesionais empregados por esta industria (músicos e técnicos) son máis de 3.100, aos que habería que sumar o persoal de empresas auxiliares e axentes, co que a cifra total de traballadores podería situarse nunhas 4.000 persoas, aínda que varios destes postos serían só de carácter estacional. A maioría das vocalistas son mulleres (un 55%), pero estas só ocupan un 3% dos postos de músicos e traballadores técnicos.

En canto á facturación, situaríase polo menos en 26,2 millóns de euros, derivados exclusivamente de actuacións ao aire libre e festivais. Se se suman os espectáculos en salas de festa e fóra da comunidade -principalmente en zonas limítrofes- a cifra increméntase noutros dous millóns.

Do palco ó escenario cifra en 2.387 as festas con verbena na comunidade, nas que se producen máis de 5.700 actuacións. De feito, só hai un municipio no que estes investigadores non atoparon espectáculos de orquestras en 2010, o lucense Ribeira de Piquín, aínda que si actuou unha en 2011. No extremo contrario situáronse as festividades da Virxe dá Guadalupe, na localidade coruñesa de Rianxo, onde se contrataron 11 agrupacións para 22 espectáculos e gastáronse 63.000 euros. 

"FENÓMENO" PARIS DE NOIA E PANORAMA
Ademais, esta publicación contabiliza 295 grupos e orquestras galegas e outras 25 formacións foráneas que actúan con regularidade en Galicia. O Panorama e a Paris de Noia son as que conseguen máis actuacións -máis de 200 cada ano entre verbenas e salas de festa- e son tamén as máis caras, con cachés de ata 18.000 euros en tempada alta.

Ademais, estas dúas orquestras arrastran un "importante fenómeno fan", tal e como destacou Fandiño; quen puntualizou que estes admiradores se correspoden moitas veces con perfís "non habituais", como novos con estudos universitarios. Respecto diso, o director de Agadic, Juan Carlos Fasero, informou de que "hai algunha orquestra que vendeu máis de 7.000 discos só en actuacións, un número espectacular se temos en conta a poboación galega".

Todas esta información, segundo subliñou Fasero, demostra que as festas populares representan unha "gran realidade social", xa que non existe outra comunidade na que este fenómeno alcance as cifras e as estruturas estables que si ten aquí.

IMPORTANCIA DA TECNOLOXÍA
Outro aspecto sobre o que incidiu Fandiño é "o relanzamento tecnolóxico" que experimentaron as orquestras galegas nos últimos anos, ata o punto de que moitas delas teñen equipos "mellores" que os de artistas de renome. "O equipamento nos 70 non era importante, pero agora é definitivo", comentou; "a propia montaxe é un espectáculo e hai xente que vai pola tarde a vela".

Nesta liña, recordou que houbo agrupacións que "quedaron atrás" cando se produciu este boom tecnolóxico, xa que non podían permitirse adquirir este tipo de equipos, e outras que si fixeron importantes investimentos e coa crise tiveron que optar por alugar os seus equipos para rentavilizalos.

Comentarios