A Xunta Electoral ve ''indicios'' de infracción en visita de Caballero a dúas rúas

A Xunta Electoral de zona remitiu ao PPdeG de Vigo un acordo no que resolve a incoación dun procedemento sancionador ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, logo da denuncia presentada polo partido tras visitar o rexedor as rúas Piñeiro e Asturias, recentemente humanizadas polo Goberno local.

Para os populares esas visitan son "unha inauguración".

Segundo informou o PPdeG nun comunicado, o presidente do partido na cidade olívica, José Manuel Figueroa, xa advertiu de que o PSdeG se saltaba as normas establecidas" no proceso electoral "con este tipo de actos".

Agora, a Xunta Electoral de zona ve "indicio" dunha posible comisión de "infracción electoral" pola visita ás mencionadas rúas, situadas nas inmediacións de Urzáiz.

"Estas actitudes dispotas non se poden permitir nunha cidade como esta e que se hai unhas normas establecidas durante o transcurso de precampaña hai que cinguirse a elas", sinalan os conservadores vigueses.

Segundo o PPdeG, Caballero "decidiu ignorar a norma por interese electoralista" e "menosprezou tanto a lei electoral como a decisión do PP de facela cumprir."

"Abel Caballero, no seu ánimo constante de contribuír ao incremento do seu ego persoal, prefire arriscarse a este tipo de sancións que cumprir a legalidade", conclúen os populares vigueses.

O alcalde ten 15 días para presentar alegacións e podería ser sancionado cunha multa de entre 300 e 3.000 euros.

Comentarios