A lista de Luís Villares gaña as primarias de En Marea co 58% dos votos

A candidatura Máis Alá logra 21 dos 35 postos do Consello das Mareas. A proposta de Davide Rodíguez consegue nove asentos e a de Cerna cinco
Luís Villares
photo_camera Luís Villares

A lista Máis Alá, encabezada por Luís Villares, gañou as primarias de En Marea polo 58,66% dos votos e faise co control do órgano directivo da confluencia.

A candidatura, que contaba co apoio de mareas urbanas como a da Coruña e do histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, consegue 21 dos 35 postos do Consello das Mareas, fronte aos 9 logrados por Somos Quen e aos cinco de Queremos participar.

A consulta ás bases de En Marea comezou o sábado e concluíu ás 9.00 horas deste luns. Segundo informou a formación, contou coa participación de 1565 persoas, dos 1903 inscritos. 

A lista gañadora, encabezada polo portavoz parlamentario, sumou 894 votos. Pola súa banda, Somos Quen, liderada polo exalcalde de Manzaneda Davide Rodríguez conseguiu 385 votos (25,26%) e Queremos participar -a lista de Cerna encabezada por Consuelo Martínez- obtivo 245 votos ou, o que é o mesmo, o 16,08%.

Segundo o regulamento deste proceso, o Consello das Mareas, que se constituirá de forma oficial o vindeiro sábado, deberá elixir a coordinadora nacional que pivote o partido de face á asemblea que a formación prevé celebrar o próximo verán. Os integrantes do órgano executivo non poderán formar parte da coordinadora, como é o caso de Beiras, que figuraba como unha das propostas de Máis Alá.

PORTAVOCÍA. Tras este proceso interno, a principal incógnita agora é se finalmente Villares poderá optar a unha portavocía orgánica dentro de En Marea, tendo en conta que ocupa ese cargo no Parlamento galego. O documento que acompaña a lista de Villares, e que recollía un veto a que os portavoces de En Marea no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados ostentasen ningunha das portavocías orgánicas, foi o máis votado. Con todo, os integrantes das outras dúas candidaturas consideran que ese debe ser un punto a negociar, posto que apoian que Villares se alce como líder do partido.

Comentarios