A marea galega xa se converteu en marusía

Aínda que os impulsores do preacordo de Podemos, EU e Anova para as xerais insisten en que non exclúe ao BNG, desde a formación frontista considérano pouco menos que unha traizón
Beiras (Anova), Iglesias (Podemos) y Díaz (EU), en la campaña de las municipales de mayo en A Coruña
photo_camera Beiras (Anova), Iglesias (Podemos) y Díaz (EU), en la campaña de las municipales de mayo en A Coruña

A existencia dun preacordo político entre Podemos, Esquerda Unida e Anova para unha candidatura de confluencia de cara á xerais ameaza con dinamitar de forma definitiva o proxecto da gran marea galega, xa que algúns dos actores principais do ambicioso plan, como o BNG, séntense excluídos e incluso falan de "deslealdade". E iso que o alcalde de Santiago e coportavoz de Anova, Martiño Noriega, quixo deixar onte claro que o documento no que traballan –que podería ser presentado tras as eleccións catalás– non é nin algo "definitivo" nin moito menos "excluínte". Ao contrario, o de Teo afirma que o Bloque "ten que ter un lugar" dentro del.

"O preacordo busca garantir a acumulación de forzas non campo da esquerda partidaria", dixo, pero admitindo que "faltan outros elementos da esquerda partidaria e social", en referencia ao BNG e outras formacións como Compromiso por Galicia, Cerna, Equo, Espazo Ecosocialista ou distintas plataformas cidadás como Encontro e Iniciativa pola Unión. Así que, desde o seu punto de vista, "non é un último paso".

En Anova hai voces que non ven á UPG pola unidade e no Bloque non falta quen afirma que o preacordo a tres leva tempo cociñado

Incluso valorou que o seu expartido sexa capaz de "ir modificando" a súa postura respecto diso da confluencia con outras forzas nos últimos tempos, polo menos "formalmente", algo impensable "hai un par de anos", afirmou. O que ocorre é que non todos dentro de Anova ou de EU comparten esa opinión, xa que existen voces que denuncian directamente a "resistencia" da UPG, o núcleo duro que controla o Bloque, a calquera tipo de acordo con forzas estatais como EU ou Podemos, como demostra a "belixerancia" mostrada polos seus concelleiros contra as mareas na Coruña ou Ferrol nos primeiros cen días de mandato.

MALESTAR. Pero a pesar das explicacións de Noriega, a simple confirmación da existencia do preacordo a tres bandas non sentou ben no BNG. E non por sentirse apartado, senón por tratarse dun pacto cociñado polas cúpulas dos partidos e non pola cidadanía, que é de onde debe emanar ao seu xuízo a gran marea. "O acordo debe implicar a participación de espazos de confluencia desde a base, porque se é pactado desde arriba sería enganar a cidadanía", advirten no BNG, onde tampouco faltan as voces de portas dentro que apuntan directamente a unha traizón de Beiras cun acordo "que estaba cociñado" desde o principio e que consideran que todo o demais foi "un paripé". É máis, algunhas informacións apuntaban a que se estaba buscando xa o nome para esa lista unitaria, extremo que negou Martiño Noriega ao asegurar que a "etiqueta" da candidatura, de existir, sería o último paso. "Agora debátese o contido", resolveu.

Podemos, EU e Anova ven "lóxico" levar máis camiño percorrido en común porque eles xa teñen dinámica de traballo en Age e as mareas

"DIVÍDESE O VOTO". Pero se alguén non se mordeu onte a lingua púbicamente foi a plataforma Iniciativa pola Unión, que agrupa precisamente a xente da órbita dos frontistas. A plataforma alerta de que a hipotética existencia de dúas listas de confluencia –BNG e os seus afíns por unha banda e Podemos-EU-Anova por outro– para as xerais restaría "posibilidades" á esquerda para "cambiar as cousas". "Dividir o voto de progreso", opinan. A pesar de todo, non dan o partido por terminado, móstranse optimistas e emprazan a todos a sentar o domingo na súa convocatoria de Santiago para perfilar a cada vez máis utópica lista de unidade galega. "Non só se necesita un bo resultado para que España teña un presidente de esquerdas, senón tamén que os intereses de Galicia se defendan no Congreso", avisan desde Iniciativa pola Unión.

No medio destas dúas sensibilidades, desde outras formacións como Cerna insisten en que a mellor opción é a lista de unidade e non contemplan o escenario das dúas candidaturas; mentres que en Compromiso por Galicia un dos seus pesos pesados, Rafa Cuíña, dicía esta mesma semana que unha gran marea galega sen o BNG era algo carente de sentido.

Eles e outros partidos da esquerda rupturista e nacionalista continúan desa forma atentos aos pasos que dan as principais forzas implicadas nun proceso que desde o principio tivo demasiadas similitudes co vivido –e fracasado– nas autonómicas de 2012 para que Anova e BNG volvesen camiñar da man.

Comentarios