A marea vermella paraliza as bateas das rías galegas

O peche de polígonos de bateas en Galicia pola presenza de biotoxinas podería prolongarse durante varias semanas e afectar a máis zonas, segundo as previsións do Instituto Tecnolóxico do Mar (Intecmar).

A directora do Intecmar, Covadonga Salgado, explicou aos medios que con estes episodios de toxina lipofílica, dos que adoita haber "dous ou tres ao ano" en Galicia, afaise a falar de escalas temporais "de semanas ou meses", e nestes momentos descoñecen se o actual está "na súa cima".

"As noticias que temos é que se está incrementando e que pode demorarse durante semanas", apostilou Salgado, quen destacou a manifestación "moi virulenta e repentina" deste episodio de biotoxinas e a súa afección a moluscos como a ameixa ou a navalla, menos vulnerables que o mexillón.

Unha circunstancia que achacou á presenza na auga de dúas especies fitoplanctónicas (PSP e ASP) de forma simultánea.

En todo caso, subliñou que a situación está "controlada", pero animou ao consumo de moluscos bivalvos polas canles legais, e que non se adquiran os de orixe dubidosa ou da actividade furtiva.

A directora do Intecmar apuntou que o mercado "non ten por que estar desabastecido" porque hai polígonos de mexillón abertos e zonas de molusco infaunal activas, "aínda que é certo que hai moitas rías afectadas", admitiu.

A chamada "marea vermella" afecta de momento a toda a ría de Muros e Noia e a de Pontevedra, e ás zonas 1,2 e 3 da de Arousa, e a 1, 2 e 4 de Vigo.

Sobre as queixas dos mariscadores da ría de Muros e Noia en canto a que se deron os avisos este mércores cando xa se capturou o xénero, indicou que se informou dos peches a través de correos electrónicos axiña que tivo o Intecmar os resultados das analíticas realizadas.

Recoñeceu que os peches provocan "certa distorsión" na cadea de comercialización, pero que "o obxectivo principal" do Intecmar é "garantir ao máximo" a saúde do consumidor e evitar que cheguen aos mercado produtos con toxina.

"O sector ten que saber que cando hai un peche, todo o produto na cadea tense que paralizar e analizar", remachou a directora do Intecmar, para quen "máis axilidade non se pode pedir".

Comentarios