A Plataforma contra a A-76 reclama un proxecto alternativo na Ribeira Sacra

A Plataforma contra a Autovía A-76 pola Ribeira Sacra decidiu en asemblea "manter a súa identidade como colectivo", sen "adherirse de forma permanente" a outras asociacións, así como o seu "obxectivo", que pasa por conseguir "un proxecto alternativo" para esa infraestrutura.

Nun comunicado, ese colectivo insiste en reclamar ese proxecto "alternativo", para evitar "a afección sobre calquera núcleo habitado" e para garantir que non se destrúa o medio natural e humano da Ribeira Sacra", unha zona que opta a ser "Patrimonio da Humanidade".

Aínda que a plataforma valora que xurdan outras iniciativas para oporse ao trazado da A-76, afirma que a súa intención é seguir tendo "voz propia", para que non se "dilúa" a súa mensaxe.

Nese sentido, aínda que se mostra disposta a escoitar "as propostas dos partidos políticos que se sumen á súa causa", insiste na intención de manter "o seu apartidismo".

O que reclama, insiste o colectivo, "é unha alternativa máis sensata ao trazado actual, que preserve o valor patrimonial e natural" da Ribeira Sacra.

Comentarios