Queda deserta a subasta de activos de Alimentos Lácteos

A poxa que esta mañá se celebrou no Xulgado de Primeira Instancia Número 2 e do Mercantil de Lugo para a venda dos activos da empresa de base cooperativa Alimentos Lácteos, en fase de liquidación, quedou deserta, ao non ser presentada ningunha oferta polo lote completo, cuxo valor de saída ascendía a 1,6 millóns de euros.

Confirmouno o secretario comarcal da FGAMT CIG de Lugo, Christian López Carmona, que nos últimos meses exerceu como representante do persoal e esta mañá acompañou a un grupo de traballadores para seguir o transcurso desa poxa no Xulgado do Mercantil.

"Todo foi rápido e sen dor, porque ninguén presentou ofertas e a poxa quedou deserta. Cumpriuse o que viñamos dicindo nos últimos tempos, que non había interese por facerse con eses activos", dixo López Carmona, quen tamén recordou que os posibles ofertantes tiñan que depositar un 10% do valor de saída do lote para participar na poxa.

Ao seu xuízo, cando a empresa tomou a decisión de paralizar "a produción" e parouse "a distribución no mercado", as "marcas empezaron a devaluarse e ninguén se interesa xa por elas".

"Lamentablemente", engadiu López Carmona, hoxe demostrouse que "o que nos contaron durante o conflito os diferentes interlocutores", entre os que citou "á propia empresa e á Xunta de Galicia", non era "verdade".

"Dicían que as marcas tiñan un valor duns seis millóns de euros", suficiente para "garantir a situación dos traballos e o pago das débedas contraídas", pero a realidade demostrou que "non podían xogarllo todo a esa carta", insistiu.

Agora, "queda a opción da venda directa", polo que se abre "o camiño para aqueles que queiran especular" cunha "pouca chatarra" ou para "enterrar definitivamente" as marcas comerciais de Alimentos Lácteos.

Comentarios