A UPG ve necesario cambiar a mensaxe para relanzar o nacionalismo

Néstor Rego, reelixido secretario xeral da formación, defende instrumentos políticos "propios" fronte a fenómenos "satelizados", polo que reclama o apoio á candidatura galega BNG-Nós o 26-X
Néstor Rego, ovacionado tras ser reelegido como secretario general de la UPG
photo_camera Néstor Rego, ovacionado tras ser reelegido como secretario general de la UPG

A Unión do Povo Galego (UPG) celebrou este domingo en Pontevedra o seu XIV Congreso no que se abordou a necesidade que ten Galicia de contar con "instrumentos políticos propios" e autónomos, sen dependencias externas como as que caracterizan aos "fenómenos satelizados". O partido que lidera Néstor Rego –reelixido secretario xeral no conclave deste domingo– incidiu no seu discurso no Pazo da Cultura de Pontevedra na necesidade de fortalecer a "conciencia nacional" nun contexto político complexo condicionado actualmente pola presenza de "espazos" que teñen á esquerda española de referencia fundamental, "participados por organizacións galegas de incidencia decreciente neste ámbito e cunha posición cada vez máis satelizada", aludindo así de forma indirecta a alianzas como as de Age ou En Marea.

A UPG considera que ditas coalicions basean a súa actuación no institucional e na repercusión mediática, que prioriza a acción política a nivel estatal "sen alterar no básico o sistema", co hándicap de que "a cuestión nacional galega xoga un papel absolutamente secundario". Por iso, ao discrepar do que está a ocorrer coas mareas, reivindica que Galicia exista politicamente todos os días, algo que, en opinión de Rego, só garante BNG-Nós Candidatura Galega, "desde a auto-organización e cunha actuación plenamente soberana, que unicamente" consegue un nacionalismo "actuante politicamente na sociedade galega, en todo momento e en todo lugar".

"É a única forza que ten unha soa lealdade, a do pobo galego, e que vai defender de xeito intransixente os intereses de Galicia", argumentou o líder da formación. Para conseguir relanzar o nacionalismo, o secretario xeral da UPG considerou que convén realizar "as mudanzas operativas necesarias" que posibiliten chegar "mellor á sociedade coa mensaxe nacionalista para recuperar apoios, organizar ao pobo e avanzar cara á hexemonía social do nacionalismo".

Comentarios