A Xunta constitúe a comisión de seguimento da flexibilidade horaria e o teletraballo

A Xunta constituíu a comisión de seguimento de flexibilidade horaria e do teletraballo, cuxa previsión está recollida na recente orde pola que se regulan por primeira vez en Galicia estas novas figuras.

Os directores xerais de Avaliación e de Reforma Administrativa e de Función Pública, un subdirector das respectivas direccións xerais e un representante de cada un dos sindicatos con representación na mesa de persoal integrarán esta comisión, informa hoxe a Xunta nun comunicado.

O obxectivo deste grupo de traballo será velar pola correcta aplicación e interpretación na extensión da xornada flexible e do teletraballo na Xunta, así como no cumprimento da nova orde que os regula e que entrou en vigor no principio do ano para contribuír á conciliación da vida familiar e laboral.

Esta regulación supón unha nova concepción da función pública en Galicia e afecta a case 17.000 persoas, e delas 4.500 empregados públicos autonómicos xa se benefician da flexibilidade no seu horario laboral.

Comentarios