A Xunta dá 3 millóns de euros para que 600 persoas que cobran a Risga opten a emprego

A Xunta aprobou hoxe unha partida de 3 millóns de euros para que 600 persoas que cobran a Risga poidan optar a un emprego.

Estes empregos terán unha duración de entre 7 e 9 meses en obras e servizos de interese xeral e utilidade social.

Os solicitantes deberán ter unha antigüidade mínima de 6 meses percibindo a Risga e estar inscritos como demandantes non ocupados.

Trátase dunha medida que a Xunta porá en marcha por primeira vez, segundo o presidente, Alberto Núñez Feijóo, e supón o desenvolvemento da lei de inclusión social de Galicia.

A repartición dos contratos farase do modo máis equilibrado posible, sinalou o presidente da Xunta, en base "a criterios obxectivos", como o número de perceptores da Risga.

Deste xeito, nos municipios onde haxa ata 10 perceptores faranse dous contratos; entre 11 e 50 perceptores, 5 contratos, entre 51 e 100, 10 contratos, entre 101 e 700, 20 contratos e onde haxa máis de 700 perceptores de Risga, 40 contratos.

Ademais, a Xunta habilitou unha partida adicional de 1,6 millóns de euros para que 500 persoas dependentes teñan o servizo de axuda no fogar.

Deste xeito, o Goberno galego pretende chegar a 10.100 usuarios con este servizo, ao que este ano destina 40 millóns de euros.

Comentarios