O Goberno galego gastará 230 millóns extra no segundo semestre

A modificación dos orzamentos servirá para elevar os recursos destinados á Risga e para subir un 1% os salarios dos seus empregados públicos
Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves a modificación dos orzamentos galegos deste ano para sumar 230 millóns de "gasto adicional" e executalos no último trimestre. O paso materializarase a través dun proxecto lexislativo de impulso ao crecemento económico e ao gasto social.

Segundo explicou ao termo da reunión semanal do seu Goberno, o obxectivo desta modificación é "protexer o gasto social" na comunidade, impulsar o desenvolvemento económico e tamén asumir a subida salarial aos empregados públicos da comunidade (o incremento será do 1%, o "máximo permitido" polos Orzamentos Xerais do Estado).

No ámbito social, os novos recursos permitirán activar a atención a 3.000 novos dependentes nos próximos seis meses e tamén haberá 1.000 novos perceptores da Renda de Integración Social de Galicia (Risga). "Temos dotación económica para seguir deixando lista de espera cero na Risga", asegurou Feijóo, un día logo de transcender que a valedora do Pobo, Milagres Otero, investigará de oficio a posible retardación na tramitación de expedientes.

Feijóo explicou que estes 230 millóns adicionais cuxa incorporación esixe un proxecto lexislativo chegan ligados á recadación, como consecuencia das liquidacións do IRPF e IVE, "superiores ás previstas". O obxectivo é que a lei quede aprobada no pleno da Cámara previsto para este mes de xullo.

Tamén en xullo ou a principios de agosto, en función de que o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) achegue os datos necesarios, quedará fixado o teito de gasto para as contas do próximo exercicio.

Comentarios