A Xunta ofrece vivendas ás familias que iniciaron unha folga de fame en Vigo

Serán aloxadas en Salvaterra do Miño, Moaña e na propia cidade olívica

A Xunta de Galicia deu unha solución ás tres familias ao bordo do desafiuzamento que realizaron unha folga de fame ás portas Concello de Vigo e que serán aloxadas en vivendas situadas en Salvaterra de Miño, Moaña e na propia capital viguesa.

O delegado territorial da Xunta na cidade, Ignacio López-Chaves, destacou nunha rolda de prensa celebrada este luns que o Goberno galego é quen "buscou unha solución" aos vigueses en risco de desafiuzamento a pesar de que, engadiu, o Concello é "o competente nestes temas".

Concretou que unha das familias está a cumprir "os últimos trámites" para asinar o contrato en réxime de aluguer social dunha vivenda en Salvaterra do Miño, que outra será aloxada en Moaña coas mesmas condicións, e que a terceira o fará en "un estudo en Vigo". Recoñeceu que este estudo "non é adecuado á familia" en cuestión, que se instalará alí de xeito temporal mentres "non se teña dispoñibilidade doutro".

López-Chaves recordou que as reclamacións destas familias centrábanse na cesión de inmobles municipais baleiros e destacou que o Concello "ten vivendas libres e en condicións para atender ás familias", tres delas "de promoción pública e cedidas pola Xunta para estas situacións". 

Comentarios