A Xunta prevé aprobar 40 leis ao longo desta lexislatura

O Goberno galego ten previsto aprobar durante a presente lexislatura ata 40 leis, das que a metade terán un "marcado contido económico", dixo hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Tras a reunión semanal do Executivo autonómico, na que tamén se aprobou o VIN Plan de Igualdade 2013-2015, o presidente galego explicou que a outra metade será a modernización dos textos actuais que teñan máis de dez anos.

Entre as novas normas, o Goberno galego non ten previsto modificar o Estatuto de Autonomía, xa que, na súa opinión, dixo, non está entre os "obxectivos e as prioridades da sociedade galega". Ao seu xuízo, os obxectivos e as prioridades dos cidadáns pasan, neste momento, por facer menos custoso o funcionamento das institucións, as administracións públicas e por investir o diñeiro en servizos públicos e reactivar a economía.

Dixo que si está previsto modificar a lei electoral para rebaixar o número de deputados que se elixen ao Parlamento galego e pasar á banda baixa do límite que marca o Estatuto. Recordou que durante a lexislatura pasada, na que ''se perdeu" un período de sesións no Parlamento polo adianto electoral, foron aprobadas un total de 46 leis.

Nesta nova etapa, ata 2016, a Xunta fixouse como obxectivo "non caer na hiperlexislación" e apostar polo carácter cualitativo das normas que aprobe e, por outra banda, axustar os textos aprobados "ao momento que toca gobernar", marcado pola crise. Así, Núñez Feijóo indicou que se aprobarán, entre outras, a lei do emprendedor, a de minería, a de cámaras de comercio, a de estradas, a do chan, a de formación e cualificación permanente, a de acuicultura, a de agricultura e a de confrarías de pescadores.

Ademais, no ámbito social aprobarase a lei de universidades, a de prestacións sanitarias, a de accesibilidade e inclusión social, a de galeguidade e a de patrimonio cultural, entre outras.
 Tamén está previsto aprobar novas normas sobre a racionalización da administración pública, o estatuto do empregado público, a administración local, publicidade institucional e o Panteón de Galicia.

Preguntado por unha eventual modificación da lei da Xunta e o seu presidente, comprometida a pasada lexislatura, dixo que o corpo central é o presentado hoxe, aínda que iso non quere dicir que non se poidan incorporar novas leis.

O Consello da Xunta aprobou tamén o VIN Plan de Igualdade 2013-2015 que establece 320 medidas cun investimento de 220 millóns de euros. Núñez Feijóo sinalou que o plan parte da reflexión de que hai moito feito, pero de que "queda moito para a igualdade efectiva entre mulleres e homes" e tamén do compromiso de facer un traballo compartido entre todos os axentes implicados para desenvolver o plan.

Está dividido en seis eixos principais que pasan, entre outros, pola mellora da gobernanza a favor da igualdade, polo fomento do cambio de valores e de modelos, polo aproveitamento do talento das mulleres e pola súa participación activa na sociedade.

comentarios