A Xunta proclama que Galicia ''non se vende'' e o BNG replica que ''se regala''

El conselleiro de Economía, Francisco Conde, en una imagen de archivo (AEP)
photo_camera El conselleiro de Economía, Francisco Conde, en una imagen de archivo (AEP)

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, rexeitou hoxe o "slogan" do BNG de que Galicia se venda porque "non se vende, xa que non está en venda", mentres que a deputada nacionalista Carme Adán replicoulle que o que fai a Xunta é "liquidar Galicia: claro que non se vende, regálase", concluíu.

Adán cuestionou a adquisición por parte de Pemex do 51 % do estaleiro Barreiras, algo que non é para darlle o parabén ao conselleiro, xa que "a súa estratexia é a de vender Galicia".

"Fíxese en que situación está o sector naval, que pola construción dun flotel consideran un éxito vender un estaleiro. Véndense os aforros galegos, as antigas caixas de aforro, agora un estaleiro... Poderíase facer un anuncio: Galicia véndese, de rebaixas. Razón, Monte Pío; razón, Feijóo", sinalou Adán.

O conselleiro, recentemente chegado de México, onde asistiu ao acordo para a venda do 51 % de Barreiras a Pemex, indicou que a Xunta "non ten nada que vender" e dixo que o acordo entre a petroleira e o estaleiro vigués é "de índole privado" entre dúas empresas.

"Non teña ningunha dúbida de que nós apoiaremos calquera investimento estranxeiro que achegue maior valor engadido, crecemento e competitividade economía galega", destacou Conde.

Adán indicou que o obxectivo de Pemex é levar "a medio prazo" a tecnoloxía do estaleiro vigués ao país americano e reprochou ao conselleiro que para asegurar a construción dun flotel teñan que vender un estaleiro.

A deputada do BNG indicou tamén que xa existen balances diferenciados dos centros de Navantia que acreditan que os centros de Fene e Ferrol teñen beneficios a pesar da redución de persoal e da masa salarial, mentres que o resto teñen perdas, polo que lamentou que o presidente galego fora esta mañá ao Parlamento a tomar "o pelo" aos deputados.

Demandou o desenvolvemento da lei do sector naval de Galicia, a construción do dique flotante e que se permita a construción civil na planta de Fene.

Ademais, preguntou ao conselleiro por que non se conseguiron os gaseiros de Gas Natural Fenosa e Repsol e por que a Xunta non fixo máis para conseguilos.

O conselleiro afirmou que cando Núñez Feijóo chegou ao poder en 2009 a situación do naval era "desoladora, cunha caída do 83 % nos pedidos dos estaleiros privados e co estaleiro público sen contratos desde 2006".

Puxo de relevo as actuacións desde entón pola Xunta, en canto a financiamento, axudas ao sector e acción comercial para lograr contratos, así como a solución ao sistema de bonificacións fiscais cuestionado pola Comisión Europea e a posta en marcha dun novo.

Conde criticou os "instrumentos" que propón o BNG para lograr carga de traballo, "á marxe da economía internacional actual", e dixo que a Xunta "sabe, é plenamente consciente, da necesidade da carga de traballo e da importancia para o emprego e que non sigan perdendo competitividade".

Tamén incidiu en que o acordo entre Pemex e Barreiras é "moi importante" e afirmou que así o cren tamén "os empresarios e os comités de empresa"

Respecto de Navantia, dixo que a Xunta ten moi claro o que debe facer o estaleiro público, dedicarse ao sector militar e ao civil, potenciar a área de reparacións e construír o dique flotante.

Comentarios