A Xunta indemnizará con 500.000 euros a unha adxudicataria do concurso eólico do bipartito

O TSXG observa responsabilidade patrimonial por parte da administración que, xa co PP no Goberno, anulou a anterior repartición

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obriga á Xunta a indemnizar nuns 500.000 euros a unha empresa, EDP Renewables Europe S.L., que resultou adxudicataria de catro parques eólicos no concurso celebrado polo Goberno bipartito de PSdeG e BNG. Desta forma, observa responsabilidade patrimonial por parte da administración, que xa en 2009, coa chegada do PP á Xunta, anulou a anterior repartición.

Agora, nunha sentenza con data de 16 de marzo, a sala do contencioso-administrativo do TSXG acolle parcialmente un recurso interposto pola compañía, que reclamaba ser indemnizada pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria como consecuencia da desistencia dos procedementos de parques eólicos en tramitación que levou a cabo en 2008.

Segundo expoñen os maxistrados, nunha situación como esta, corresponde á demandante, a empresa, "acreditar a realidade dos gastos". Con todo, antes de entrar na análise da proba que esta presentou, critica que a administración, no seu día, omitió "interesadamente" información sobre cando a compañía entregou unha determinada documentación, e atribúelle ademais "mala praxe administrativa" porque "só a vía contenciosa foi capaz de reactivar o deber administrativo de tramitar, que aínda así deu lugar a unhas actuacións posteriores absolutamente dilatadas e contrarias aos prazos indicados".

Dos case 600.000 euros en que EDP Renewables Europe S.L. -adxudicataria de parques eólicos en Salgueiras, Corme, Zas e Abadín-, cifra os traballos preparatorios das solicitudes, o fallo rexeita varios deles -como algúns de manutención, desprazamentos e salarios, e varios encargos a consultoras-, e acolle parcialmente os relativos a un estudo de rede eléctrica, porque "non aparecen individualizados". Á marxe doutros acollementos parciais, si admiten os maxistrados, de forma íntegra, os gastos derivados duns servizos de cartografía.

Comentarios