Xunta e concellos de máis 20.000 habitantes destinarán un 7% a servizos sociais

Anxo Quintana, vicepresidente de la Xunta (Ferrín. AGN)
photo_camera Anxo Quintana, vicepresidente de la Xunta (Ferrín. AGN)

a Xunta e os concellos galegos de máis de 20.000 habitantes deberán destinar un 7% dos seus orzamentos a servizos sociais segundo anunciou hoxe o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana durante a presentación do anteproxecto da Lei de Servizos Sociais de Galicia.

A Lei aínda non empezou o seu trámite parlamentario e, polo tanto podería sufrir cambios durante o seu debate na Cámara galega. Tal e como establece o texto inicial, implicaría que Xunta pasase a destinar durante os próximos seis anos o 7% dos recursos públicos consignados nos orzamentos da comunidade, cando en 2006 e en 2007 destinara sobre un 4,8%.

Pola súa banda, os concellos de máis de 20.000 habitantes incrementarían nun punto a cantidade que adican a servizos sociais, xa que a lei actual lles obriga a destinar o 6%.

Asentamento do Sistema de Benestar
Quintana explicou que a Lei de Servizos Sociais suporá un paso "importantísimo", xa que asenta o "marco legal" para a posta en marcha do Sistema Galego de Benestar, un sistema "público, nacional e propio", segundo explicou o vicepresidente da Xunta.

Quintana incidiu en que este anteproxecto supón un cambio no "centro de gravidade" das políticas públicas. "Da política das infraestruturas, do cemento, ás políticas das persoas", asegurou.

Cartón social e profesional de referencia
O Sistema Galego de Benestar prevé incorporar novas ferramentas para a súa articulación, como a tarxeta social e o "profesional de referencia". Estas dúas ferramentas derivan do "expediente social básico" que cada cidadán terá, a imaxe e semellanza do historial único que existe no Servizo Galego de Saúde.

A creación deste expediente permitirá a xestión homoxénea de cada caso, recollendo as prestacións en cada caso. A tarxeta social terá similares características ao cartón sanitario, segundo explicou Quintana, mentres que o "profesional de referencia" cumprirá funcións similares ás do "médico de cabeceira".

O vicepresidente galego destacou que con esta nova lei, que aínda non empezou o seu trámite parlamentario, o Goberno galego aposta pola "colaboración interinstitucional", entre Xunta e municipios, que xa colaboran a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e a rede pública de centros de día.

Cambiar a beneficencia por dereitos
"Deixamos atrás a beneficencia e o asistencialismo, e cambiámolos por dereitos", afirmou Quintana, quen explicou que nas zonas urbanas os municipios terán unha "unidade asistencial" por cada dez mil habitantes, mentres que no rural, esa relación será dunha unidade asistencial por cada tres mil habitantes.

Tamén fixo fincapé en que a Xunta destinará os ingresos polas sancións á mellora da cobertura dos servizos sociais, de modo que estas sancións se observen como unha medida para "reequilibrar e redistribuír", e non para "recadar".

A lei desenvolve novas formas de intervención, como a Axencia Galega de Servizos Sociais e a Axencia de Atención aos Menores, e mecanismos de control "e garantía", como o Plan Estratéxico de Servizos Sociais.

Comentarios