As residencias galegas ofrecerán os seus servizos a persoas non ingresadas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este martes que a próxima semana será presentada a nova carteira de servizos dos servizos sociais galegos, que permitirán acceder a actividades dispoñibles en residencias a persoas que non pasan a noite nelas.

Esta é unha das novidades que traerá o novo programa de servizos da Xunta de Galicia. Así, "imos intentar non só acreditar centros senón servizos que se poidan prestar dentro'' deles. O presidente autonómico fixo este anuncio no transcurso dunha visita a unha residencia de maiores situada en Santiago de Compostela, e utilizou como exemplo as propias instalacións. Dado que están dotadas cun servizo de fisioterapia, este dispositivo poderase prestar a persoas que non son os 150 ingresados na residencia pero que "se son tributarios desa prestación".

Trátase dun "paso máis", en opinión de Feijóo, quen defendeu o seu interese por incrementar "cuantitativamente e cualitativamente a carteira de servizos sociais" na comunidade. Neste marco, incluirase tamén a atención nocturna, non dispoñible ata a data.

En relación coa residencia visitada, explicou que supón elevar en 150 as prazas dispoñibles, que no que vai de lexislatura son "2.000 novas prazas de residencias e centros de día a disposición dos maiores". Así, Feijóo defendeu que "a pesar da crise e ás  dificultades", a Consellería de Traballo e Benestar, que dirixe Beatriz Mato, "está en disposición de cumprir o compromiso" de incrementar as prazas de aquí ao final de ano en mil.

No entanto, fixo mención especial á Fundación José Otero e Carmela Martínez, que construíu o edificio, "un xesto xeneroso e con poucos precedentes", dixo o presidente galego, quen instou a aqueles que teñan capacidade para axudar aos maiores a ver aos promotores desta construción como "modelo". A residencia é froito da colaboración entre a iniciativa privada, a benefactora e das administracións local e autonómica. Así, a Xunta encargarase de manter o centro, para o que o Concello de Santiago cedeu os terreos e que construíu a fundación antes citada.

Para a súa posta en marcha constituíuse unha mediana empresa que xera 76 empregos, explicou Feijóo, quen apuntou que esta entidade está financiada con fondos públicos e privados.

Comentarios