As vítimas do Alvia piden ao xuíz que cite a declarar os responsables ''directamente implicados''

Vítimas do accidente do tren Alvia no barrio compostelán de Angrois pediron ao xuíz instrutor da causa, Andrés Lago Louro, que chame a declarar en calidade de testemuñas a responsables que consideran "directamente implicados" no sinistro causante de 79 mortes e máis dun centenar de feridos de distinta consideración.

A solicitude de novas dilixencias, recollidas en informacións do portal web da axencia Europa Press e que incumben a altos cargos como o actual presidente de Adif, Gonzalo Ferre e o expresidente de Renfe, Julio González Pumar, é iniciativa do avogado Manuel Alonso Ferrezuelo, en representación da Plataforma 04155, que este sábado se reunirá en Madrid, ás 11,00 horas na cidade universitaria, co obxectivo de analizar esta e outras novas accións que prevé emprender nos próximos días.

Entre elas, e para antes de que acabe o ano, esta asociación pretende denunciar o Estado español en instancias europeas, polo suposto incumprimento de lexislación en materia ferroviaria, segundo explicou un dos seus membros, Jesús Domínguez, en declaracións a Europa Press.

Outra das representantes da plataforma, Teresa Gómez-Limón -que participou na gravación dun programa televisivo que será emitido nos próximos días-, sinalou, tamén en declaracións a Europa Press, que o seu avogado volveu presentar un requirimento a Renfe a semana pasada no Xulgado de Instrución número 3 de Santiago.

Comentarios