Liberdade con cargos para o suposto encubridor do crime de Ponteareas

O home detido onte pola Garda Civil como suposto encubridor de José Antonio F.A., autor confeso da morte dun súbdito venezolano cuxo cadáver gardou durante dous meses nun arcón conxelador no seu piso en Ponteareas, saíu en liberdade con cargos, informaron fontes xudiciais.

D.P.A., de 37 anos de idade, quedou en liberdade coa obrigación de comparecer tres días ao mes tras prestar declaración hoxe no Xulgado de Instrución 3 de Ponteareas, cuxa titular lle imputa un delito de encubrimento. Fontes da Garda Civil consultadas por Efe precisaron que D.P.A. foi detido onte como sospeitoso de facilitar a fuxida de José Antonio F.A., que onte ingresou no cárcere tras entregarse un día antes no cuartel da Garda Civil e confesar o crime.

Sobre este home de nacionalidade paraguaia había ditada unha orde de captura despois de que o pasado mes de xuño os donos do piso da avenida Castelao de Ponteareas onde vivía de aluguer acharon un arcón selado e rodeado con cadeas no interior do inmoble. Cando a Garda Civil abriu o arcón atopou o cadáver de José Jesús I., de nacionalidade venezolana, ao que descortizaran á altura dos xeonllos para que coubese dentro do arcón.

A vítima, que fora condenada polo alixo de tres toneladas e media de cocaína no pesqueiro San Miguel, incautado en 2008, coñecía ao seu suposto homicida, tal e como ratificaron a súa irmá e a súa noiva ao denunciar a súa desaparición.

De feito, sabía que visitara ao seu piso a José Antonio F.A., e por iso o chamou para preguntarlle polo seu irmán. A autopsia desvelou que a causa da morte de José Jesús I. foi un forte golpe na cabeza e que puido permanecer varios meses no conxelador antes de ser descuberto.

Comentarios