Os libros de Pardo Bazán que seguen no Pazo de Meirás xa son BIC

A publicación no DOG este mércores do expediente correspondente supón a protección inmediata da colección
Pazo de Meirás. CABALAR
photo_camera Pazo de Meirás. CABALAR

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este mércores o expediente de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, o que supón a protección inmediata da colección, incluídos os libros que permanecen no Pazo de Meirás.

Segundo a aplicación provisional do réxime de tutela previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, xa están protexidos un total de 10.855 volumes pertencentes a colección da escritora, informou a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Dos libros aos que afecta a declaración de BIC, 7.883 están custodiados na sede da Real Academia Galega (RAG) e 2.972 rexistros continúan no interior do Pazo de Meirás.

Ademais, o texto tamén contempla a posibilidade de que a este número poidan sumarse outros volumes que, segundo a documentación achegada pola RAG na súa solicitude, poderían estar actualmente en localizacións descoñecidas.

Deste xeito, se nalgún momento aparecese un libro non identificado e constatásese a súa pertenza, estaría automaticamente protexido.

Por outra banda, a documentación recolle que todos os libros pertencentes a esta biblioteca posúen un cuño de cor vermella cumprimentado a man coa situación topográfica dos libros, encargado polo primoxénito da escritora, que permite reconstruír a colocación dos volumes nas diferentes estancias do edificio.

Este cuño corresponde a un ficheiro alfabético organizado por autores e almacenado na biblioteca da planta baixa das Torres de Meirás.

A incoación deste expediente é posible, explica a Xunta, porque a biblioteca de Pardo Bazán reúne as características necesarias do patrimonio bibliográfico debido ao seu carácter singular, ao valor dos exemplares que a compoñen e a que está ligada á figura da escritora.

Neste sentido, a súa publicación supón a aplicación inmediata, provisional ata a súa aprobación definitiva nun prazo máximo de dous anos.

Desde este mércores, a utilización dos libros quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección e débese garantir o acceso á colección por parte da cidadanía.

Ademais, a apertura do procedemento implica a súa anotación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique ao Rexistro Xeral de BIC Galicia da Administración do Estado.

A maior parte da colección, indica a Consellería, son primeiras edicións, moitos deles manuscritos dedicados polos seus autores a Pardo Bazán e tamén existen publicacións que conteñen subliñados e anotacións nas marxes, coa letra da autora, o que os converte en únicos.

Comentarios