Long Hope rexeita a oferta da Xunta e pide ao Goberno central unha demanda interestatal

A asociación de de antigos traballadores da mariña mercante que exerceron en barcos noruegueses reclaman ao país escandinavo unha pensión tras a súa xubilación

Membros da asociación Long Hope, integrada por antigos traballadores da mariña mercante que exerceron en barcos noruegueses e reclaman unha pensión, rexeitarán a oferta da Xunta de 70.000 euros durante dous anos e pediron ao Goberno autonómico instar ao central a interpor unha demanda interestatal.

A asociación Long Hope, que di agrupar a uns 12.000 mariñeiros españois, deles 8.000 galegos, que traballaron entre 1948 e 1994 na mariña mercante norueguesa, pagaron os seus impostos pero non puideron cotizar ao sistema de seguridade social dese país por non ter residencia.

Ao xubilarse descubriron que Noruega rexeitaba atribuírlles unha pensión polo que levan a cabo unha mobilización para reclamar unha pensión que consideran que lles corresponde.

O Consello da Xunta deu este xoves o visto e prace a unha axuda de 70.000 euros durante dous anos, segundo explicou o presidente, Alberto Núñez Feijóo, ante unha situación "inxusta".

O portavoz de Long Hope, Alberto Paz Viñas, explicou a EFE que os mariñeiros están "moi enfadados e desgustados" por coñecer este anuncio do Executivo autonómico a través da prensa e aínda máis porque "non aceptan ningunha das condicións".

Paz Viñas indicou que se reuniron o pasado 12 de agosto con representantes da Xunta, que lles ofreceron axuda económica, pero indicou: "Dixémoslles que aceptariamos 60.000 euros nun convenio plurianual para cubrir os gastos do avogado, ofrecéronnos 25.000 anuais prorrogables".

Nunha segunda reunión, o pasado 24 de agosto, os representantes da Xunta ofreceron 35.000 euros, pero os antigos mariñeiros manifestaron que aceptarían "40.000 euros durante catro anos", segundo Paz Viñas.

"Non aceptaron nin melloraron ningún punto. Hoxe mandáronnos un correo dicindo que o acordo estaba a disposición para asinar. Nós pediramos polo menos para pagar ao avogado e durante catro anos, pero nin sequera chegouse a iso", indicou Paz Viñas.

O portavoz de Long Hope mostrou o malestar na asociación, que rexeitará esta oferta ao considerala insuficiente e non axustada ás súas demandas.

"Que se pida a Madrid unha demanda interestatal contra Noruega para solucionar a inxustiza social que padecemos"

"Non queriamos diñeiro, pero nolo ofreceron eles e agora non nos dan nin para pagar o avogado. O que si queremos, e onde ten competencias a Xunta, é que se pida a Madrid unha demanda interestatal contra Noruega para solucionar a inxustiza social que padecemos", continuou.

Subliñou que a asociación vincula este anuncio coa proximidade da campaña electoral para os comicios autonómicos do próximo 25 de setembro e lamentou que os asesores da Xunta indicaron que o convenio podería quedar roto tras o primeiro ano.

Nun informe interno ao que tivo acceso Efe, os asesores destacan que non se aceptou case ningunha das condicións e que coa proposta non se cubriría os gastos dun preito que se prolongará "durante tres ou catro anos" polo que "o problema non quedaría resolto".

Comentarios