Os administradores de Clesa esixen que se acelere a venda a Feiraco

Os administradores concursais de Clesa, tras remitir o informe ao xuíz do Mercantil número 6 de Madrid, Francisco Javier Vaquer, solicitáronlle que axilice a resolución da venda da planta de Caldas de Reis a Feiraco o máximo posible.

Ángel Rojo, un dos administradores, declarou hoxe que no suposto, pouco probable, de que se presente unha nova oferta durante estes días, celebraríase unha poxa.

Os administradores emitiron un informe ao xuíz do Mercantil no que indicaban que a oferta presentada por Feiraco, de 10.200.000 euros, para adquirir a planta de Clesa en Caldas de Reis é baixa, pero como é a única recibida aconsellan a venda.

Feiraco ten previsto manter á totalidade do persoal e incluso aumentala, pero segundo o informe dos administradores, de momento empezarán a traballar unhas 40 persoas.

A presidenta do comité de empresa de Clesa en Caldas, Dolores Ramos, explica que o informe presentado por Feiraco contempla unha incorporación progresiva de traballadores ata superar o persoal que viña traballando ata agora.

Actualmente quedan en nómina 47 operarios tras os despedimentos e as prexubilacións.

Ramos destaca que os traballadores despedidos "están a desexar volver, loxicamente", pero aconsella "ser prudentes mentres non estea todo asinado".

Comentarios