Os bateeiros afectados polas biotoxinas terán 1,5 millóns en axudas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería de Medio Rural e Mar que regula a concesión de axudas aos produtores de moluscos pola suspensión temporal da recollida de moluscos cultivados derivada dos episodios de biotoxina de 2013.

A estas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca nun 75%, a Consellería de Medio Rural e do Mar destina 1,5 millóns de euros.

Teñen como obxectivo, sinala o Goberno galego nun comunicado, compensar aos produtores de moluscos que en 2013 suspenderon a actividade durante máis de catro meses consecutivos ou que sufriron perdas de máis do 35% do volume actual de negocios de cada establecemento de acuicultura.

Poderán acceder a elas os titulares de concesións de establecementos de acuicultura que realicen a súa actividade en Galicia e que cumpran cos requirimentos da orde.

A porcentaxe de perda de produción pola parada da actividade sobre o volume anual de cada establecemento de acuicultura calcúlase sobre a base do volume de negocios medio de cada establecemento de acuicultura durante os tres anos anteriores e a contía a percibir representa como máximo o 60% da perda sufrida.

Comentarios