A Deputación critica que os municipios pequenos pagarán 19.500 euros máis ao ano a Sogama

A Deputación de Lugo fixo público hoxe un estudo elaborado cos datos de cobro dos vinte municipios da provincia que teñen delegada na institución a recadación das súas taxas pola recollida de lixo, un informe no que se pon de manifesto que os concellos pequenos pagarán uns 19.500 euros máis de media ao ano pola subida de Sogama.

O informe foi presentado en rolda de prensa pola deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, quen quixo destacar que os datos que figuran nese estudo encargado polo goberno provincial "son reais" e non "estimacións nin cálculos aproximados sobre a repercusión que terá nas arcas municipais a subida do canon de Sogama.

Os vinte municipios que teñen delegado o cobro de recibos pola recollida de lixo a través do Servizo de Recadación da institución provincial pasarán de pagar 1,2 millóns de euros ao ano a case 1,6 millóns, o que supón unha subida total de 400.398 euros ao ano coa aplicación do previsto incremento do canon.

Desde o seu punto de vista, coa actual situación financeira, os municipios pequenos non poden asumir esa subida de 19.500 euros, polo que "sexa cal for a decisión que adopten os alcaldes, os prexudicados finais serán sempre os veciños", porque "aumentar o gasto dos concellos supón reducir servizos".

Por outra banda, García Porto recordou que o pasado ano Sogama tivo uns beneficios anuais de 6,6 millóns de euros netos, procedentes da venda de electricidade xerada coa incineración de lixo e da taxa que pagan os concellos. 

Comentarios