Os pacientes oncolóxicos do CHUS denuncian "condicións intolerables"

Presentarán unha queixa ante a valedora do pobo polo incumprimento dos requisitos de confortabilidade e privacidade
Vista del Complexo Hospitalario Universitario de Santiago
photo_camera Vista del Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

Os pacientes oncolóxicos do hospital de día do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) denuncian as "condicións materiais intolerables" que sofren cando acoden a este centro sanitario a recibir tratamento.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS indica nun comunicado que presentará queixa ante a valedora do pobo e solicitarán o seu amparo "co obxecto de que se cumpran as recomendacións do Ministerio de Sanidade e se melloren as condicións materiais do servizo". Explican que a decisión de acudir á valedora do pobo a adoptan despois de que o pasado mes de abril devandita asociación xa denunciase ante a Xerencia do CHUS "as lamentables condicións que soportamos no hospital de día para poder recibir o noso tratamento".

"Logo de varios meses daquela denuncia, a Xerencia nin tan sequera tivo a dignidade de contestarnos, limitándose a facer unha declaración pública na que manifestaban que se ían a pór en marcha as obras de ampliación e mellora do hospital e separar oncoloxía de hematoloxía". "O certo -engaden- é que nada do declarado se cumpriu", e explican que "as esperas ata o momento do tratamento seguen sendo interminables e en moitas ocasións son as dúas da tarde e aínda non o iniciamos".

Así mesmo, quéixanse de que as condicións materiais "non cambiaron e seguen sen cumprir as recomendacións publicadas polo Ministerio de Sanidade desde o ano 2009".

Neste sentido, indica a asociación no comunicado que as salas de espera "seguen sendo cada vez máis insuficientes, os asentos dispoñibles son escasos e non cumpren os requisitos de confortabilidade nin dispoñen de fontes de auga fría".

Tamén explican que a zona de admisión "non conta cun espazo de atención que garanta un certo grao de privacidade, a área de tratamento, sen luz directa ao exterior, non garante o noso dereito á intimidade e só contamos cunha leve cortina que nos separa do resto dos pacientes da sala". En canto ao servizo de farmacia, sinalan que "as demoras para recibir a medicación pode prolongarse ata dúas horas".

Comentarios