Os padeeiros asucan a mina de lignito

O lago artificial de Endesa nas Pontes (A Coruña), que cobre o inmenso oco da antiga mina de lignito, estréase hoxe cunha competición deportiva de alto nivel na que participan máis de medio milleiro de padeeiros duns 80 clubs de toda España que desputan esta fin de semana as probas da Copa de España de Maratón de Piragüismo.

A competición deportiva, que serve de plataforma para o campionato europeo, é a primeira proba que acolle este lago, o máis grande de España e un dos maiores de Europa.

Endesa, a empresa eléctrica que explota nas Pontes a central eléctrica máis produtiva de España, o Concello, clubs locais de piragüismo e as asociacións veciñais implicáronse en organización desta proba deportiva.

Esperan a asistencia dunhas 2.000 persoas entre participantes, familiares e técnicos, que esta fin de semana desbordarán a vila mineira.

As Pontes aspira a converterse nun referente do turismo náutico explotando o potencial deportivo da lagoa, que conta cunha praia artificial de 370 metros en forma de media lúa con toneladas de area de canteira lavada.

O antigo oco da mina reciclado en lago artificial ten máis de 865 hectáreas de superficie e 18 quilómetros de perímetro, con picos de profundidade que superan os 200 metros.

A lámina de auga comezou a encherse en xaneiro do 2008 con auga do río Eume e outras achegas pluviais e alcanzou a súa cota final en abril do 2012.

De forma paralela á proba de piraguas, o municipio pontés programou varias actividades para fomentar o turismo pola zona con rutas turísticas gratuítas por miradoiros e a canle do río Eume, autobuses que conectan o centro urbano co lago e degustacións de produtos locais

Comentarios