Os PGE incluirán unha partida de 48 millóns para finalizar o porto exterior

A ministra de Fomento, Ana Pastor, avanzou esta mañá que os próximos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) incluirán unha partida de 48 millóns de euros para a dársena exterior da Coruña, un dos portos máis importantes de España.

Esta partida estará destinada á construción do contradique e o traslado do tráfico de graneis sólidos.

Este investimento súmase ao acordo alcanzado recentemente coa petroleira Repsol, que en 2012 moveu 4 millóns de toneladas na Coruña, para o seu traslado ao porto exterior.

Así mesmo, Pastor recoñeceu a preguntas dos xornalistas a importancia do acceso por ferrocarril á dársena de Punta Langosteira, un proxecto "clave" para o trasladado doutros graneis, aínda que non precisou máis datos sobre o proceso desta obra "complexa".

Negreira agradece o compromiso de Ana Pastor

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, agradeceu hoxe "a firme aposta de Fomento" polo porto exterior da Coruña en resposta ao anuncio da ministra.

"Co anuncio realizado hoxe pola ministra garántese a conclusión das instalacións aínda pendentes do porto exterior, e en especial o contradique, que no seu día foi cuestionado por anteriores administracións, e cuxa finalización permitirá, ademais da mellora da operatividade do porto, o incremento da superficie para a instalación de novas empresas", destacou Negreira.

Ademais da culminación do contradique, a partida inclúe a adecuación de novos puntos de atracada.

O alcalde tamén agradeceu que o Ministerio se comprometa así mesmo a dotar ao porto exterior das súas oportunas conexións por estrada e por ferrocarril, que converterán os novos peiraos coruñeses nunha gran oportunidade de desenvolvemento, emprego e crecemento industrial para A Coruña, a súa comarca e o conxunto de Galicia".

Comentarios