Máis de 12.400 alumnos participaron no programa Alimentes de Gadis para fomentar hábitos de vida saudables

No proxecto implicáronse 347 docentes de centros educativos de Galicia e Castela e León 
Alimentes Gadis. GADIS
photo_camera Alimentes Gadis. GADIS

O curso de Gadis baseado en hábitos saudables e sostibles pechou coa participación de máis de 12.400 alumnos. O programa adaptouse ás actuais circunstancias, nas que se priorizaron os contidos e experiencias online, pondo a disposición de colexios, profesores e estudantes unha nova plataforma interactiva, dividida en catro grandes áreas temáticas relacionadas entre si: alimentación saudable, desenvolvemento local e produción sostible, consumo responsable e desperdicio alimentario.

A implicación do profesorado foi fundamental no éxito de participación de Alimentes Dixital. 357 docentes guiaron ao seu alumnado nas 10 unidades didácticas, que inclúen xogos interactivos, vídeos, fichas e exercicios. Xerar unha comunidade educativa comprometida coa concienciación e sensibilización no coidado da saúde dos nenos e nenas é un dos obxectivos marcados polo programa, con representación de máis de 260 centros durante o 2021.  Todos os contidos están adaptados aos currículos oficiais de Galicia e Castela e León para o 2º Ciclo de Educación Infantil e Educación Primaria; e o material foi elaborado e supervisado por profesionais especializados.

Outro dos fins que persegue Gadis con Alimentes Dixital é fomentar a aprendizaxe da orixe dos produtos e a súa trazabilidade ata o consumo nos fogares, seguindo a súa ruta desde a lonxa, o campo, a gandería, os almacéns, a chegada a tenda, as diferentes seccións de produto fresco, os lineais e a caixa.

Os alumnos que completaron as dez unidades didácticas obtiveron un Prato Alimentes, que mostra as proporcións adecuadas dos distintos grupos de alimentos que deben consumirse

De todos os estudantes que participaron, máis de 9.500 completaron as dez unidades didácticas, o que tivo premio: un Prato Alimentes: o menú saudable de Supermercados Gadis para cada alumno. Este prato mostra as proporcións adecuadas dos distintos grupos de alimentos que deben consumirse a diario co fin de cumprir as premisas da alimentación saudable.

Para premiar o interese de alumnos e profesores no proxecto Alimentes Dixital, Gadis realizou un sorteo entre todos os centros educativos que finalizaron o programa: 60 tablets para uso e goce de cinco colexios. Os afortunados foron: CEIP Plurilingüe de Pedrouzos (Brión), CEIP de Arteixo, CEIP Fermín Bouza Brey (Ponteareas), CEIP Os Vales (Lagoa do Douro) e Colexio Antonio Machado (Salamanca).

“Estamos comprometidos con fomentar hábitos de vida saudable e consumo responsable desde fai máis de 20 anos. Este curso estamos realmente satisfeitos pola implicación tanto de docentes como de alumnos, a pesar de que tivemos que suspender temporalmente as visitas aos supermercados. A parte positiva é que, ao reforzar os contidos dixitais, ampliamos as posibilidades de participación a calquera centro de Galicia e Castela e León”, explicou Antonio Cortés Lobato, director de RSC de GADISA, quen anima aos centros educativos a inscribirse para o próximo curso, no que se introducirán novidades e melloras para facer aínda máis atractivo o programa.

Gadis realizou un sorteo de 60 tablets entre todos os centros participantes

Para apuntarse a Alimentes Dixital 2021-2022, hai que seguir as indicacións de rexistro na www.gadis.es/saudable/gadisescuela/ onde se continúa ofrecendo recursos educativos de calidade en formato dixital adecuado ás distintas etapas de educación infantil e primaria en materia de alimentación saudable e vida activa. A web está segmentada en dous itinerarios: un para docentes e outro para alumnos. 

Comentarios