En marcha unha campaña para concienciar sobre onde tirar máscaras e luvas

A Xunta e Vegalsa-Eroski pretenden sensibilizar á poboación e preservar o medioambiente
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Un traballador de limpeza recolle unha máscara. EFE

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o director de Vegalsa-Eroski, Joaquín González, asinaron este xoves un convenio de colaboración para iniciar unha campaña de sensibilización co fin de evitar que se depositen ou arroxen máscaras e luvas en lugares non autorizados.

A iniciativa consiste na colocación de carteis na rede de tendas de Galicia de Vegalsa-Eroski, co obxectivo de que os clientes depositen o seu material de protección no lugar adecuado tras facer a compra, ante a proliferación de residuos nas inmediacións de supermercados.

Na súa visita as instalacións de Eroski Centre Matogrande, na Coruña, Ángeles Vázquez subliñou a necesidade de facerlle "saber á sociedade que non se trata só de protexernos contra o covid-19, senón que hai dar o último paso e depositar os residuos no lugar adecuado".

Neste sentido, recordou que o material de protección e hixiene ante o covid-19 debe depositarse no colector de restos.

"Non podemos permitir nunca ver unha máscara tirada noutro lugar que non sexa o adecuado", salientou Ángeles Vázquez, que agradeceu á empresa, na véspera do día do Medio Ambiente, o seu compromiso con este ámbito.

Ademais, indicou que "os residuos que proliferan cada vez son de maior contía e depositalos no lugar adecuado é fundamental", pois "coidar o medioambiente é coidarnos a nós mesmos, é sinónimo de saúde", considerou.

Ademais deste convenio, Vázquez avogou por facer un contrato coa sociedade de sensatez e de involucrarnos".

Pola súa banda, o director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González, agradeceu á conselleira a súa iniciativa e a súa "confianza" e subliñou a necesidade de fomentar "o uso e a reciclaxe correcta de máscaras e luvas en favor da saúde de todos e do medio ambiente".

En relación ao seu compromiso co medioambiente, destacou que o seu grupo reduciu nun 30 % o consumo enerxético; impulsou a substitución de bolsas de plástico a favor das de papel e as reutilizables; e diminuíu o consumo de papel co recibo dixital.

Así, apuntou que xestionaron máis de 12.000 toneladas de residuos reciclados en Galicia no programa Desenvolvemento Sostible Residuo Cero.

A campaña impleméntase en todas as tendas que a rede ten en Galicia, ao redor de 240 entre supermercados, hipermercados e establecementos en gasolineiras.

Comentarios