Marea Galeguista vese "decisiva" para un goberno de "transición a unha nova normalidade máis xusta"

Pancho Casal, este domingo en Santiago. EFE
photo_camera Pancho Casal, este domingo en Santiago. EFE

A Marea Galeguista reivindicouse este domingo como "decisiva" para a conformación en Galicia dun goberno "de transición a unha nova normalidade máis xusta e sustentable" tras as eleccións autonómicas convocadas para o 12 de xullo. 

Na presentación da candidatura, o aspirante á presidencia da Xunta, Pancho Casal, destacou que pretenden interpelar "a todas as galegas e galegos" para a "reconstrución do país". Casal, que concorre como número un pola provincia da Coruña, chamou á participación na cita coas urnas e asegurou que a Marea Galeguista vai loitar "ata a extenuación pola defensa do traballo digno e de calidade, así como pola xustiza fiscal". O máis importante, manifestou, "son as persoas" e "a protección das súas vidas". 

No acto interviñeron tamén os cabezas de lista polo resto de provincias e a número dous pola Coruña, María Chao, quen resaltou a vontade de "unir forzas nun proxecto nacional galego, aberto e inclusivo" que canalice politicamente "a vontade cidadá de empregar as institucións para mellorar as condicións de vida". 

O candidato que abre a lista de Lugo, Iván R. Lombardero, centrouse no medio ambiente e "a imperioso necesidade" de traballar nun "horizonte verde" no que a sustentabilidade sexa "un obxectivo político" para construír o futuro. 

O posto de saída en Ourense ocúpao Milagros Corral, que se referiu aos galegos que tiveron que emigrar "por non atopar as condicións de posibilidade en Galicia que lles permitisen vivir dignamente". Por iso, a Marea Galeguista ten entre os seus obxectivos tomar medidas para crear oportunidades e garantir servizos públicos de proximidade

Peque González, que abre a lista de Pontevedra, reivindicou a loita das feministas galegas. "Si, nós tamén saímos á rúa o 8 de marzo", afirmou, e destacou que os coidados "recaeron de novo sobre as mulleres" durante a pandemia. 

Comentarios