En Marea quere regular o acceso ás xefaturas de servizo do Sergas para evitar "enchufes"

A formación propón que a designación destes cargos sexa allea a cuestións "políticas" e se leve a cabo a través dun órgano colexiado cunha comisión que avalíe os méritos e capacidades dos candidatos

A deputada Eva Solla. JAVIER CERVERA-.MERCADILLO
photo_camera A deputada Eva Solla. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Grupo Parlamentario de En Marea avanzou que traballa na elaboración dunha proposición de lei coa que pretenden regular o acceso ás xefaturas de servizo e coordinación nas institucións sanitarias do Sergas co obxectivo de "acabar coa actual opacidade e os enchufes que se están dando por parte da Consellería de Sanidade".

Así o anunciou a deputada rupturista Eva Solla nunha comparecencia de prensa celebrada este mércores no Pazo do Hórreo, onde cualificou de "escandalosa" a situación actual, polo que chamou a que o Sergas conte cunha normativa específica para evitar "as colocacións a dedo".

Deste xeito, En Marea propón que a designación destes cargos sexa allea a cuestións "políticas" e se leve a cabo a través dun órgano colexiado cunha comisión que avalíe os méritos e capacidades dos candidatos. Os membros deste órgano serían elixidos a través dun sorteo, un sistema co que a formación rupturista cre que se evitaría que estas persoas "sexan igualmente colocados a dedo, como ocorre na actualidade", afirmou Solla.

Así, o sorteo para a elección dos membros do tribunal realizaríase entre profesionais que tivesen "os mesmos ou superiores méritos" de cada xefatura de servizo e que serían escollidos nun sorteo da mesa sectorial de sanidade. A proposta de En Marea tamén delimitaría a participación dos cargos de libre designación, que quedarían apartados dos devanditos órganos.

LEI DE INCOMPATIBILIDADES. Nesta liña, Eva Solla denunciou o "continuo incumprimento" da Lei galega de incompatibilidades á hora de elixir os xefes de servizo, xa que a normativa establece que non poden concorrer aos procesos de selección profesionais "con intereses na privada.

Segundo Solla, isto último está a ser incumprido na actualidade "como recoñeceu o propio Sergas". "Moitos profesionais denunciaron que os baremos decídense despois de coñecer candidatos e as bases fanse 'ad hoc' e que a decisión final baséase nun proxecto técnico totalmente subxectivo, algo totalmente inaceptable", remarcou.

Así as cousas, o Grupo Parlamentario de En Marea sinalou que nas próximas semanas trasladará a súa proposta aos colectivos profesionais, asociacións médicas e sindicatos para que estes poidan facer achegas, previo paso ao seu rexistro en sede parlamentaria para o seu debate. 

Comentarios