Mateo desbanca a Martín como o nome máis frecuente entre os novos nenos galegos

Nas nenas, Sofía repite como a favorita para os pais

Nos dez primeiros postos dos nados en 2018 non hai ningún nome galego. PIXABAY - Bebé - Recién nacido
photo_camera Nos dez primeiros postos dos nados en 2018 non hai ningún nome galego. PIXABAY

Sofía e Mateo foron os nomes máis frecuentes das nenas e nenos nados en Galicia en 2018, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE).

No caso das nenas, Sofía mantense por terceiro ano consecutivo como o nome máis posto na Comunidade galega. Mentres, Mateo (310 nados con ese nome) desbanca en 2018 do primeiro posto a Martín (307) como o máis usado tras cinco anos de hexemonía deste último.

Pola súa banda, Noa (186 veces) e Daniela (184) foron o segundo e terceiro nome máis posto en nenas galegas en 2018. Séguenlles na clasificación dos dez primeiros nomes, por orde: Daniela, Martina, Sara, Valeria, Alba, Emma, Lara e Lucía. Nin Carmen nin María están entre os dez nomes máis comúns.

No tocante a eles, en terceiro posto atópase Lucas (272 nenos). Do cuarto ao décimo lugar están: Hugo, Leo, Daniel, Manuel, Pablo, Gael e Enzo.

Así, dáse a circunstancia de que ningún nome galego está entre os dez máis postos en Galicia en 2018. Os datos que ofrece este mércores o INE só son do top 10, en anos pasados na estatística que ofrece posteriormente o Instituto Galego de Estatística (IGE) incluíanse nomes galegos entre os postos dez e 20 como Antía, Uxía, Brais ou Antón.

Comentarios