lunes. 24.02.2020 |
El tiempo
lunes. 24.02.2020
El tiempo

O misterio de Elías Carrera

Sandra Carrera colocou o mércores carteis do seu pai desaparecido. TVG
Sandra Carrera colocou o mércores carteis do seu pai desaparecido. TVG

O 18 de xullo de 2013 desaparecía o taxista ourensán Elías Carrera. Cinco anos despois segue sen saberse nada del, aínda que a súa familia non se rende e continúa facendo todo o que pode para atopalo. O home foi visto por última vez na cidade de Vigo

O taxista ourensán Elías Carrera cumpriu este mércores cinco anos de ausencia. Trátase dunha das desaparicións máis misteriosas que se deron na comunidade galega e para a que aínda non se ten resposta a día de hoxe. Con todo, a súa familia non se rende, mantén a esperanza e continúa pondo todos os seus esforzos na intensa procura de Carrera, desparecido o 18 de xullo de 2013.

A súa historia está chea de incerteza. Elías Carrera, de 61 anos de idade, exercía como taxista na provincia ourensá. O día da súa desaparición quedou para comer coas súas dúas fillas. Durante o encontro, o seu pai comunicoulles que se trasladaría a Vigo. Segundo explicaba a súa filla á TVG, comeron "como unha vez normal, sen nada que dera pé a facer o que fixo". Momentos despois, o home dirixiuse á estación de tren de Ourense. Alí alugou un coche, que devolveu algunhas horas máis tarde na cidade olívica. Esa foi a última vez que se tivo noticias sobre o seu paradoiro.

Merchi, muller do desaparecido: "Elías era un home moi querido no mundo do taxi; tiña moitos amigos e sei que ningún lle faría dano"

Ese día Elías Carrera marchou co posto. Non levou nin o seu teléfono móbil nin os seus cartóns bancarios nin calquera outra documentación ou pertenza. Únicamente colleu o seu cartón sanitario e un pouco de diñeiro en efectivo. Desde aquela vez ata hoxe pasaron cinco anos sen que se saiba nada del.

Os seus familiares buscárono e continúano buscando sen cesar. Tamén a Policía Local e Nacional participara no proceso, aínda que a súa muller, Merchi, aseguraba a AGN tempo atrás que puñan "pouco empeño" na procura. Ante esta situación as súas fillas chegaron incluso a contratar a un detective privado, pero este tampouco tivo sorte na misión. Buscaron por toda Galicia, especialmente no sur da comunidade xa que foi onde se obtiveron as últimas pistas. E tamén se dirixiron a Portugal coa esperanza de atopar en terras lusas a Elías Carrera. A Europol e a Interpol uníronse a esta misión, pero non se recibiu ningunha noticia sobre o paradoiro do ourensán desaparecido neste lustro.

Sandra, filla de Elías Carrera: "Nós non paramos, nós seguimos na súa busca, pero atopámonos que xa non sabemos moi ben o que facer neste caso"

As súas contas bancarias non sufriron movementos ao longo de todos estes anos. Tampouco viaxou en tren, avión ou autobús, nin dentro de Galicia nin no territorio español. Nin sequera se detectou movemento nas fronteiras do territorio europeo. A día de hoxe, aínda se mantén a hipótese de que foi unha depresión o que propiciou a súa fuxida. "Si que o atopabamos máis triste do normal", comenta Sandra Carrera, pero non "tanto" como para desaparecer. A súa muller, Merchi, explicaba a AGN cando se cumpría un ano da súa ausencia que "non lle pasaba nada grave como para afastarse sen máis, sen dar explicacións". Tamén comentou que a situación familiar era "estupenda" e, pese que os ingresos do taxi descenderan, "non tiña débedas pendentes", recoñeceu.

COLABORACIÓN VECIÑAL. Tras cinco anos a súa familia atópase totalmente desesperada. "Nós non paramos, seguimos na súa procura, pero xa non sabemos que máis facer", confesaba a súa filla á TVG. Por esta razón, os familiares de Elías Carrera mandan unha mensaxe a toda a cidadanía, á que lle piden a máxima colaboración na procura do taxista. "Animamos a toda a xente a que vexa esta cara, que é meu pai, e que se poñan en contacto con algúns dos teléfonos ou coa policía", suplicaba Sandra Carrera. Ao mesmo tempo, a filla aproveitou para dirixirse ao seu pai: "Se el nos está vendo que non se preocupe por nada, que o estamos a esperar e só queremos saber que está ben".

Por desgraza, este non é o único caso de desaparición sen resolver na comunidade galega.

O misterio de Elías Carrera
Comentarios