Morre a cría de balea varada en Muxía

Será retirada este xoves da praia de Nemiña

Cativa de balea na praia de Nemiña, en Muxía. CEMMAA cría de balea común que apareceu na mañá deste mércores na praia de Nemiña, no municipio coruñés de Muxía, morreu pola tarde. Segundo informa o presidente da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), Alfredo López, a balea será retirada da praia ao longo do xoves. Neste caso, os concellos encargan as tarefas a unha empresa de xestión de residuos que realiza a incineración do animal. 

Esta cría é unha femia de balea común de seis metros de lonxitude, que chegou á costa viva "tras separarse da nai por motivos que se descoñecen, porque non estaba enferma". Aínda que se devolveu ao mar "é un animal inviable, porque depende da súa nai e non tería a máis mínima posibilidade de sobrevivir". Segundo explica, procedeuse a extraer unha mostra do mamífero. 

Así mesmo, recordou que no pasado mes de decembro apareceron catro exemplares similares noutras zonas da costa galega, cuestión que atribuíu á frecuencia coa que as baleas comúns se desprazan polas augas situadas fronte ao litoral de Galicia. 

Comentarios