Morre un traballador de Lugo na adega dun carboeiro no porto exterior de Ferrol

Vista del buque carbonero donde se registró el accidente (Kiko Delgado/EFE)
photo_camera Vista del buque carbonero donde se registró el accidente (Kiko Delgado/EFE)

Un traballador de 57 anos, natural da provincia de Lugo e que responde as iniciais A.P.D, perdeu a vida esta mañá nun accidente laboral ocorrido ao bordo dun buque carboeiro procedente de Indonesia e atracado no porto exterior de Ferrol, na dársena de Caneliñas.

O falecido, da empresa de estibadores portuarios de Ferrol, introduciuse nunha cámara do buque que conduce á adega de onde o rescataron, xa cadáver, efectivos do corpo de bombeiros de Ferrol, indicaron a Efe fontes dos servizos de urxencias.

O 112 recibiu a chamada de alerta dun particular pasadas as 10:00 horas desta mañá e mobilizou unha ambulancia medicalizada do 061, pero os sanitarios xa só puideron certificar a morte do operario.

Tamén se mobilizaron os axentes da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, a Garda Civil e axentes da Policía Nacional e Local, ademais da quenda de garda do parque de bombeiros de Ferrol, que sacaron o corpo da adega e depositárono na cuberta.

Sospeitan que a morte do traballador puido deberse á alta concentración de dióxido de carbono da adega, onde se introduciu, posiblemente, por erro.

Será a autopsia, apuntan as mesmas fontes, a que terá que determinar a causa exacta da morte que puido ser por asfixia ou a consecuencia do golpe na caída.

Comentarios