O mugardés que foi apresado en Estados Unidos por pelexarse está de volta en casa

A xustiza estadounidense mantén sobre el os cargos de agresión a axentes da autoridade, resistirse a un oficial con violencia cara á súa persoa, conduta desordenada e desordes por intoxicación

Secuencia de la agresión por la que fue denunciado el ferrolano. EP
photo_camera Secuencia da agresión pola que foi denunciado o ferrolán. EP

Adrián Montero Mato, o mozo de 23 anos de Mugardos que foi detido o pasado mércores nos Estados Unidos por forcexear con catro axentes durante un partido da NBA e pasou tres días na prisión estatal de Florida, unha das máis perigosas do país, xa está de volta en España despois de que este domingo as autoridades yankees lle devolvesen o seu pasaporte —que tiveron confiscado durante o arresto— e lle permitisen tomar o voo desde Miami do que xa tiña o billete, previo pago dunha fianza de 9.500 euros pola súa liberdade.

Iso si, a xustiza estadounidense mantén sobre el os cargos de agresión a axentes da autoridade, resistirse a un oficial con violencia cara á súa persoa, conduta desordenada e desordes por intoxicación —sosteñen que se atopaba ebrio—, delitos que poderían carrexarlle dez anos entre reixas. Adrían Montero, máis coñecido como Monti en Mugardos, será xulgado en Estados Unidos e, no caso de que resulte condenado, é probable que poida saldar a súa condena en España.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz (EU), asegurou este domingo en declaracións a Europa Press que desde o Concello contactaron con familiares próximos ao mozo, quen lles trasladaron que xa tiñan todo "encarrilado" para a volta do mozo.

DE SOÑO A PESADELO. O soño de Monti, que era viaxar coa súa moza Nerea a Florida tras moitos meses aforrando, transformouse en pesadelo nas bancadas do American Airlines Arena, onde asistía a un dos clásicos da NBA, o partido entre Miami Heat e Chicago Bulls, que debía ser precisamente o colofón ao periplo por terras estadounideses. Todo empezou cun intercambio de insultos cos seus veciños de bancada, que motivou a chegada dos cops, aos que Monti se enfrontou antes de ser reducido e detido.

Comentarios