15-O: Día Internacional das Mulleres Rurais

Mulleres 'todoterreo'

Con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, Anxos Pais, unha gandeira de parroquia estradense de San Miguel de Cora, e Verónica Marcos, presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur Galicia) analizan a realidade das mulleres do rural galego, pezas clave da súa supervivencia e cuxo traballo non sempre é recoñecido
Anxos Pais atendendo as vacas na súa explotación, en San Miguel de Cora (A Estrada). PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera Anxos Pais atendendo as vacas na súa explotación, en San Miguel de Cora (A Estrada). PATRICIA FIGUEIRAS

"As mulleres do rural son todoterreo". Así describe Anxos Pais, unha gandeira de Vilacriste, na parroquia estradense de San Miguel de Cora, ás xeracións de mulleres que a precederon e que levaron e seguen levando a cabo un labor vital no campo moi poucas veces recoñecido. "Eu, que ás veces estou supercansa, non sei como aguantaba a miña nai antes. Daquela as cousas eran moito máis físicas e ela ocupábase dos tractores de herba, de facer a comida, da xente maior que había na casa, dos nenos pequenos... Iso era fóra do normal. Non sei como aguantaba, nin fisicamente nin interiormentE", subliña Anxos, de 41 anos, que malia non recoñecerse como todorreo, tamén está feita desa pasta especial que distingue ás mulleres do rural.

Mais os dela son outros tempos. Se antes era algo normal, case unha tradición, que as mulleres, ademais de ocuparse da casa e de coidar a maiores e pequenos, tamén traballasen desde nenas no campo sen ningún tipo de recoñecemento profesional, xa que a propiedade seguía tendo nome de home, agora o número de explotacións dirixidas por unha muller é predominante nos sectores lácteo, agrícola e vitícola.

Anxos Pais, na súa explotación. PATRICIA FIGUEIRAS
Anxos Pais, na súa explotación. PATRICIA FIGUEIRAS

No caso de Anxos Pais, formou unha sociedade cos seus pais, cos que dirixe unha explotación gandeira de preto de cen vacas. Aínda que con 18 anos, cando rematou COU (Curso de Orientación Universitaria), o seu futuro parecía estar lonxe da granxa na que crecera, finalmente, a terra e os animais non a deixaron marchar. "Estudei un ciclo superior de FP de administrativo, pero cando terminei non atopei nada que me enchese e, como había unha explotación familiar na casa, pensei que, para gañar unha miseria, tiña eu o negocio na casa e así foi como empecei", conta Anxos. "Primeiro estiven traballando sen estar dada de alta. Daquela a explotación estaba a nome do meu pai. No 2006, cando eu tiña 26 anos, foi cando montamos a sociedade", precisa.

Neste aspecto, as diferenzas coa súa nai, de 62 anos, son notables. "Así como meu pai empezou a cotizar moi novo, a miña nai non. Daquela con que pagase o home era suficiente. Por iso agora a miña nai non pode xubilarse aos 65 porque non cotizou aínda o suficiente. Antes era o habitual, a educación era así: se non viñas coas ideas un pouco cambiadas, seguías a liña oficial. No meu caso, eu queríame poñer á fronte. Agora xa prefería non estar, pero mentres un é novo tes aquela enerxía", conta con humor.

Sobre a situación das mulleres rurais, Anxos asegura que "cambiou moito", pero non o suficiente. "As mulleres novas van cambiando pero as maiores seguen deixando que os homes sigan tendo a presenza de cara ao público –apunta–. Nas reunións que teño co resto dos gandeiros que vendemos o leite a Nestlé xa se vai empezando a ver mulleres, pero prevalece a presenza de homes. Cambiou moito pero aínda ten moito que cambiar. O proceso vai moi lento".

As mulleres maiores seguen deixando que os homes teñan a presenza de cara ao público

Da mañá á noite

O que non cambia é o traballo que sacan adiante as mulleres rurais. Anxos Pais, que é nai dunha nena de nove anos, cada día fai fronte a unha xornada que comeza ás seis e media da mañá e non remata ata as nove e media da noite e que nos últimos tempos, debido a unha operación de xeonllo da súa nai, complicouse un chisco. "Levántome sobre as seis e media, almorzo e véñome para as cortes. Muximos, meu pai fai a ración e doulle de comer aos animais. Normalmente o leiteiro ás nove da mañá está aquí e hai que ter as vacas muxidas. Cando meu home non está, que marcha de viaxe (dedícase ao vacún de carne), teño que ir á casa a preparar a nena para o cole, se non xa se encarga el", explica.

No que respecta á conciliación, non se queixa: "Teño sorte porque cando meu home está na casa xa se encarga el e, se non , miña nai. Agora non porque precisa repouso, pero con ela compaxinabámonos moi ben. Resultábame moi doado, Ademais, aquí tamén temos o cole moi cerquiña", sinala.

Anxos Pais. PATRICIA FIGUEIRAS
Anxos Pais. PATRICIA FIGUEIRAS

Con idas e voltas á casa para levar a cabo tarefas como poñer a lavadora, Anxos tamén ten que compaxinar o coidado das vacas co traballo de oficina. "Hai que dar animais de baixa e outras cuestións. Papeleo pídenche bastante. Hai que certificar o leite que vendemos a Nestlé e levar rexistro de todo, logo está o trimestre do IVE... Temos unha xestoría que se encarga de todo iso porque non che dan as horas do día para todo. Se queres estar na casa e fóra é humanamente imposible", subliña.

Pola tarde, logo de descansar un chisco e levar á nena a actividades extraescolares, toca volver a empezar: "Hai que darlle de comer aos animais, aos pequeniños o leite, muxir, limpar e cando paire unha vaca hai un traballo engadido...".

Balance

Malia os sacrificios e o esforzo, Anxos Pais móstrase satisfeita polo camiño que escolleu hai máis de vinte anos. "Houbo momentos moi difíciles, pero supoño que como calquera negocio, pero o balance é moi positivo porque necesito estar cerca da terra. Eu non valgo para vivir lonxe do rural. Botei un ano co meu home vivindo nun piso e para min é como estar encerrada. Pero isto dáme liberdade, respiro. Nos aquí temos cerca o río, o monte... É o meu hábitat e ao ser un negocio familiar organizámonos moi ben. E logo os animais son moi agradecidos", destaca. "Aínda que o rural tamén ten os seus contras –engade–, por exemplo, agora que non teño a miña nai non hai un descanso, pero cando tes xente traballando podes descansar as fins de semana. Nós, ata que a miña nai enfermou, rotabamos e organizabámonos moi ben. Nós primamos máis a calidade que o que vaiamos gañar. Procuramos non forzar moito o corpo porque é o que temos para esta vida", afirma.

Botei un ano vivindo nun piso e para min era como estar encerrada. Isto dáme liberdade.

Da vida do rural, aínda que non se queixa dos servizos de San Miguel de Cora, si que aboga pola mellora do saneamento. "Vértense moitos residuos nos ríos e a xente non é consciente", lamenta. Así mesmo, Anxos apreza a aplaude o rexurdir que está a vivir o rural tras a pandemia. "Hai moita xente que está vindo ao rural. Tamén empezan a aparecer novos negocios e iso agradécese. Non todo ten que ser vacas, ten que haber variedade", conclúe.

A data
Cada 15 de outubro celébrase o Día Internacional das Mulleres Rurais. Isto é así desde que o 18 de decembro de 2007, a Asamblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) decidiu recoñecer o papel decisivo da muller rural (incluídas as mulleres indíxenas) nos cambios económicos, sociais e ambientais. Mentres elas representan o 40% da forza laboral mundial, menos do 20% son propietarias das terras que cultivan.

Verónica Marcos "Hai moitas mulleres do rural de entre 25 e 40 anos traballando sen cotizar"

A presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur Galicia) analiza a situación actual da muller rural galega e o seu papel no futuro dos pobos.

Como están as cousas para as mulleres do rural galego en 2022?
As cousas despois da pandemia están peor para o rural en xeral, o que afecta directamente ás mulleres. A pandemia trouxo como escusa peches ou recortes médicos, bancos que tamén pecharon... En cuestión de servizos estamos un pouco peor e iso afecta ás mulleres. Despois, vemos datos positivos en emprendemento. O 52% dos proxectos que se emprenden no medio rural nos concellos de menos de 2.000 habitantes son liderados por mulleres. Ademais, son capaces de ver os servizos e as cousas que necesita a comunidade.

O informe Diagnóstico de la Igualdad de Género en el Medio Rural 2021, elaborado por el Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), que actualiza un realizado en 2011, revela que as cousas non mudaron moito nestes dez anos...
Non, non cambiaron. Por exemplo, no tema da Política Agraria Común (PAC) si que hai moitas perceptoras de PAC, moitas mulleres titulares de explotacións, pero estamos falando xa de idades altas, cando a idade baixa de 40 anos, descende moito a porcentaxe de mulleres. Ademais as mulleres de idades máis novas son as que marchan.

Verónica Marcos, presidenta de Fademur Galicia. SEBAS SENANDE
Verónica Marcos, presidenta de Fademur Galicia. SEBAS SENANDE

Ese é un dos datos que recolle o informe: o éxodo rural ten nome de muller.
Si, está protagonizado principalmente por mulleres e, sobre todo, canto máis baixamos a idade. As mulleres marchan moito máis ca os homes pola falta de servizos e pola falta de traballos dignos. Os empregos que hai no rural son, na súa maioría, no ámbito dos coidados e a maioría das veces sen cotizar.

Cales son as principais reivindicacións de Fademur neste Día das Mulleres Rurais?
Nós sempre demandamos que teñan en conta a perspectiva de xénero en todas as teorías estatísticas e nas leis que se creen. É preciso que haxa unha perspectiva de xénero para as mulleres do rural porque no momento en que se van as mulleres os pobos desaparecen, iso todos os estudos o recoñecen.

Ata o de agora como se senten nese sentido?
Hai pequenos pasos, por exemplo, a Lei de recuperación da terra agraria si que ten en conta a perspectiva de xénero. Por outro lado, nós xa demandamos o ano pasado e, de feito, aprobouse no Parlamento de Galicia por unanimidade levar a cabo o Estatuto da Muller Rural, que nos parece básico porque recollería todas as súas demandas e necesidades que, ao final, afectan a toda a poboación do rural en xeral. Estamos pendentes diso pero xa pasou un ano...

Aínda que a muller rural é agora moito máis visible, ao igual que no resto da sociedade a súa presenza en altos cargos , por exemplo en cooperativas, segue sendo baixa.
Si, en Galicia as socias das cooperativan veñen sendo o 49%, pero só un 9% de mulleres ocupan a presidencia. Eu un reflexo do resto da sociedade, pero si que creo que as cooperativas e todas as organizacións agrarias non se implican en integrar as mulleres nesas directivas e, por outro lado, as mulleres teñen que conciliar. Hai que adaptar o funcionamento dos órganos de dirección das cooperativas ás mulleres.

É posible a conciliación para as mulleres do rural? Como se apañan?
As mulleres no rural adoitan ter familia cerca ou vivir na mesma casa e concilian familiarmente, pero conciliar grazas a outros servizos, como garderías, non é posible.

As mulleres marchan por falta de servizos e traballos dignos e sen mulleres os pobos desaparecen

Con máis do 50% dos actuais propietarios agrogandeiros por riba dos 55 anos, que papel xoga a muller de cara ao futuro do rural e ao relevo xeracional?
É un papel fundamental. Por iso nos preocupa que cando baixamos na idade para incorporarse á actividade agrogandeira cada vez son menos mulleres. Hai un dato moi destacado: a media que cotizan as mulleres no medio rural á Seguridade Social son 20 anos e os homes unha media de 33. Por que? Porque elas se incorporan moito máis tarde. Tamén é certo que os prezos son os que son e cotiza un membro e a muller incorpórase moito máis tarde.

E iso vén arrastrándose desde hai moitos anos.
Moitos anos. Antes unha muller incorporábase a actividade agraria aos 50 anos para poder cotizar os últimos 15 anos e poder ter acceso a unha pensión. Agora hai axudas para incorporarse á actividade e incorpóranse aos 40, pero antes está o home incorporado. Hai unha porcentaxe moi grande de mulleres de entre 25 e 40 anos que están traballando sen cotizar, polo que no futuro imos ter un sector agrogandeiro moi masculinizado.

Onde hai que poñer o foco para achegar algo de luz ao futuro do rural?
Nós sempre poñemos o foco nos servizos. Eu entendo que é moi caro poñernos servizos pero ao mellor é máis caro que non os teñamos. É preciso non ter aos nenos cun percorrido de colexio dunha hora, ter médico máis ou menos cerca e acceso a todo tipo de servizos. Para o futuro do rural é a clave. Onde hai xente nova temos que mimalos e coidados. Eu son da montaña de Lugo e desde o verán pasado teño médico tres días a semana, pecháronme o banco e o colexio é unha escola unitaria. Os servizos son a clave. É certo que somos menos pero temos dereito. Falan da España vaciada e é certo que estamos en todos os medios, pero despois medidas reais e efectivas non hai.

É o futuro do rural e o futuro de todos...
Mira o exemplo dos incendios do Caurel, que son froito do abandono, e iso sae moito máis caro. A supervivencia do rural permite ter produtos de calidade cerca porque ao final estamos falando de explotacións agrogandeiras familiares. Aquí non hai macroexplotacións.

Non é fácil ser muller no rural?
Non, non é fácil, e xa non falo se hai violencia machista, que son situacións extremas moito máis complicadas. E é un problema que existe e está máis invisibilizado. Moitas viven con non sei cantos na casa e é difícil poder ir a algún tipo de administración porque nos coñecemos todos. Cando estás nunha situación extrema vivir no rural é moito máis complicado.

Comentarios