Músicos alertan da ''probable perda de miles de empregos" pola persecución de Hacienda

Móstranse ''enormemente preocupados'' ante a situación xerada tras unha denuncia por unha suposta fraude de 8,9 millóns por parte de Espectáculos Lito

A Asociación de Músicos e Cantantes da Verbena Galega (AMUSICA) expresou este xoves a súa "enorme preocupación" pola "probable perda de miles de postos de traballo" ante a "persecución" ao sector por parte da Agencia Tributaria.

A Fiscalía provincial de Pontevedra denunciou unha suposta fraude de 8,9 millóns de euros da empresa Espectáculos Lito, que xestiona as dúas principais orquestras galegas, o Panorama e a París de Noia, cantidade que se correspondería co IVE e o IRPF dos anos 2011 e 2012 por unha facturación duns 50 millóns de euros.

O presidente de AMUSICA, Alberto Dopico, incide, a través dun comunicado, na "necesidade de que se constitúa unha mesa de diálogo" e no feito de que se teña "en conta aos traballadores á hora de decidir" os seus destinos. Advirte da "urxencia de deter este proceso de recadación indiscriminado e atroz" antes de que haxa que lamentar males maiores, "xa que hai moitos afectados que son simples traballadores e pais de familia aos cales se lles ameaza desde a Axencia Tributaria de xeito abusivo e inxusto coa exclusión social para sempre".

Dopico indica que é necesario protexer o patrimonio cultural que son as verbenas galegas e as comisións de festas, que fan posible que tantas familias poidan "subsistir". "Desde as Administracións Públicas estar a abocar a miles de persoas á cola do paro de xeito incomprensible e indefendible", conclúe.

Comentarios