''Na miña renuncia non hai cálculos de asumir outro cargo público''

(Foto: Pepe Ferrín. AGN)
photo_camera (Foto: Pepe Ferrín. AGN)

Néstor Rego Candamil (O Vicedo, 1962) retornará ás aulas tras 13 anos traballando, de diferente xeito, no concello compostelán, onde dende as últimas eleccións era tenente de alcalde así coma concelleiro de Cultura. Anunciou a súa decisión por sorpresa, cando se cumpría un ano escaso desde os últimos comicios aos que concorreu como candidato á alcaldía. Agora, dá por pechado un ciclo, que o tivo dende 1995 no concello, se ben foi a partires de 1999 cando entrou a formar parte do goberno municipal da man do BNG e co PSOE como socio. Deixa pois, un cargo institucional antes dun verán que adicará á reciclaxe profesional, para entrar, de novo, nas clases de lingua e literatura.

Pregunta: Logo de anunciar o pasado sábado a súa renuncia, queda a sensación de que foi algo precipitado...

Resposta: Eu creo que non. A verdade é que en todo caso isto tamén foi consecuencia de que é unha decisión persoal, e polo tanto que eu mesmo entendín que este era un bo momento. E o de resolver a sucesión con tan pouco tempo pode ao mellor dar esa impresión, pero por outro lado, dende o punto de vista da eficacia política, é moito mellor. Nas institucións públicas, os períodos de transición e provisionalidade sempre son delicados. Polo tanto, cando hai maneira de facelo con rapidez e nunha semana, eu creo que é sempre moito mellor.

P: Esa decisión persoal estaba, dalgún xeito, tomada cando foron as eleccións municipais. Xa tiña previsto non esgotar a lexislatura?

R: O de deixalo agora non. O que si tiña decidido e comuniquei aos compañeiros que naquel momento falaron comigo, era que sería a última ocasión en que eu fose candidato á alcaldía, porque xa ía para 12 anos, xa fora candidato en dúas ocasións e parecíame que non tiña moito sentido que o volvese a ser. Como consecuencia diso, con posterioridade, tamén me pareceu que o lóxico é que nalgún momento neste período deixase paso a outra xente que fose a continuar cara ao futuro. E que tivese tempo de asentar un traballo, adquirir unha dinámica de desenvolvemento, do programa do BNG para Santiago de Compostela... A decisión, por tanto, de deixar agora o cargo, foi madurada máis recentemente, nas últimas semanas, e aos compañeiros fai apenas 10 ou 12 días que llelo comuniquei. Esa é a situación.

Respecto á renuncia desde PSOE e BNG
P:
Como foi recibida a noticia entre o grupo municipal e a propia dirección nacional do BNG?

R: Eu creo que foi recibida con respecto, con independencia das opinións sobre se debía continuar máis tempo ou non. Os compañeiros do grupo municipal entenderon a miña posición e respectárona, igual que os da dirección local do BNG e da dirección nacional. En todo caso, algún compañeiro trasladou a opinión de que debería continuar, pero que respectaba esa decisión, cousa que agradezo.

P: E entre os socios de Goberno no concello?

R: Igualmente por parte do socio de Goberno. É unha cuestión interna do BNG e eles non tiñan moito máis que dicir que respectala, e creo que para todo o mundo é evidente que o BNG presentouse ás eleccións cunha candidatura concibida como un equipo de traballo moi sólido e moi solvente. Con persoas capaces e persoas con disposición a traballar non só intensamente senón con ilusión no desenvolvemento deste proxecto. Polo tanto, o compromiso coa cidadanía e co goberno, que no fondo é o mesmo compromiso, está plenamente garantido.

''É mellor deixar o cargo cando as cousas están ben''
P:
O seu foi unha decisión persoal, mais, houbo detrás dela algunha motivación tipo conflicto interno no BNG, no propio goberno local...?

R: Non, en absoluto. Á parte, que diferencias no goberno non sería un motivo para irse. Pero non houbo ningún condicionante de tipo político e eu creo que iso é tamén un dos elementos que leva a que se vise por sorpresa. É bastante evidente que se fose a causa dalgunha motivación política, sería coñecida e nos medios comunicación se terían feito eco dela. Non é o caso, creo que hai unha situación de absoluta normalidade na organización local do BNG de traballo e apoio ao labor do grupo municipal, e no grupo non só hai situación de normalidade senón de absoluta confianza entre as persoas que o viñemos integrando ate o de agora.

P: Influiu isto na súa decisión?

R: Precisamente, unha das cuestións que me pareceu que me posibilitaba adoptar esta decisión, sendo persoal, é facelo desde a responsabilidade que dá ter a máxima confianza no compromiso dos compañeiros co programa e coa cidadanía. E creo que é mellor deixar un cargo en situación de normalidade e tranquilidade, e non cando hai algún problema. Para min foi un motivo máis que me fixo entender que este podía ser un bo momento, porque deixando o cargo cando as cousas están ben, sempre é mellor.

''Seguirei traballando para o BNG en todo o que poda ser útil''
P:
Quizais é esa normalidade da que fala a que dá lugar a especulacións, pero hainas. Postúlase como conselleiro? Como deputado galego? As eleccións galegas están aí.

R: Non hai nada diso e desde logo por agora ninguén falou comigo de ningún deses asuntos. Non hai nada diso detrás da decisión. Eu xa o teño dito nalgunha ocasión. Se eu tivese algunha expectativa ou perspectiva de asumir un cargo da administración galega, parecería que debería continuar de tenente de alcalde, concelleiro, ata ese momento. Porque polo que vemos parece que é máis fácil cambiar dun posto público a outro, que non desde a misión de cidadán ou militante de base do BNG. Polo tanto, non hai na miña decisión ningún cálculo nin expectativa de asumir ningún outro posto público.

P: Si continuará na militancia.

R: Dixen e reitero que son militante do BNG desde hai 30 anos, que creo neste proxecto, e que creo que é un proxecto non só útil, senón necesario para Galiza ter unha organización propia que defenda o recoñecemento de Galiza como nación e o dereito a gobernarse libremente e decidir o seu futuro. Eu seguirei traballando para o BNG en todo o que poda ser útil. Hai moitas maneiras de traballar para un proxecto político e non necesariamente desde un posto público e institucional.

P: Logo de 13 anos no concello, como está a vivir ese retorno á docencia? Non costa?

R: Sendo unha decisión miña xa está implícito, loxicamente, que o regreso á docencia o fago con moito gusto e ilusión. É un traballo que me gusta, me satisfai a relación cos alumnos e alumnas e polo tanto volvo con ganas. Outra cousa é que despois dese tempo de interrupción da docencia -que foron nove anos, non trece, porque os catro primeiros compaxinei o posto de concelleiro co meu traballo-, logo dese longo período, terei que aproveitar o verán para reciclarme profesionalmente. É lóxico que teña que ser así, polo feito que os currículos dos programas foron cambiando coa implantación da ESO, na que eu non cheguei a dar clase e polo tanto vai ser imprescindible ese esforzo e reciclaxe. Pero tamén o fago con moitísimo gusto.

Comentarios