Navantia apoiará o sostemento de cinco fragatas norueguesas durante cinco anos

A empresa pública enmarca este pacto na "continuación" do asinado co goberno nórdico en xuño de 2013

Navantia e o Ministerio de Defensa de Noruega rubricaron un contrato polo cal o grupo naval público compromete durante cinco anos o seu apoio ao sostemento das cinco fragatas da clase F-310, a serie Fridjoft Nansen.

Nun comunicado, a empresa enmarcou este pacto na "continuación do asinado por ambas as partes en xuño de 2013" para unidades construídas pola firma entre 2000 e 2011, actualmente en servizo na Armada nórdica. Desde agora, o programa esténdese e abarcará novas prestacións.

Así, continuaranse afrontando "servizos de asistencia técnica, mantemento, reparación, estudos de enxeñería, implementación de melloras, adestramento e subministración de repostos e compoñentes, que xa tiña o anterior contrato".

Así mesmo, incorpórase un servizo continuo de apoio ao mantemento do Sistema Integrado de Control de Plataforma destes buques". Igualmente, levará a cabo "un control da obsolescencia en repostos e compoñentes e mantemento da configuración dos buques".

Segundo Navantia, este acordo demostra "a confianza do Goberno noruegués" e "o compromiso da empresa co sostemento dos buques". Recordou, nesta liña, que en xuño pasado abriu unha oficina comercial en Bergen, "xunto á base naval na que están baseados os buques".

Ao seu xuízo, aquela medida supuxo "unha aposta da compañía por afianzar a súa presenza no país e incrementar as relacións comerciais con este cliente estratéxico para Navantia".

Comentarios