Negan o cambio de cidade das súas fillas a unha nai coa custodia provisional

A Audiencia da coruña esíxelle que as escolarice no mesmo colexio no que estaban mentres tramitan o divorcio
 
Audiencia Provincial de A Coruña. AEP
photo_camera Audiencia Provincial da Coruña. AEP

A Audiencia Provincial da Coruña confirmou o auto do xulgado de instrución de Arzúa que rexeitaba autorizar o cambio de colexio de dous menores á súa nai que ten a súa garda e custodia de forma provisional, mentres se tramita o proceso de divorcio. Ademais, esixe que as escolarice no mesmo centro no que estaban.

"Non se acomoda ao réxime de provisionalidade da garda e custodia que decida, sen coñecemento nin consentimento do outro proxenitor e cotitular da patria potestade, unha alteración tan importante na vida das menores como é mudarse de núcleo poboacional (onde tiñan as súas amizades e familia extensa, onde cursaran os seus estudos ata ese momento) para pasar a residir nunha capital de provincia onde non coñecen a ninguén, carecen de familia, sen amigos e sen traballo, empezando nun colexio totalmente novo", conclúe a Audiencia, que destaca que a recorrente "debía de ser consciente de que o sistema de garda e o réxime de visitas podía ser alterado en poucos meses".

O relato de feitos sinala que, tras divorciarse en 2018, en xullo do ano seguinte a nai cambiou de domicilio a unha cidade "distante algo máis de 50 quilómetros" e levou ás nenas, próximas a cumprir os 7 e 5 anos, e matriculounas nun centro escolar "sen consentimento nin coñecemento" do pai.

O tribunal cre que "interpuxo o seu persoal interese, o seu desexo de marcharse da poboación onde residira co outro proxenitor, e á que aparentemente nada lle ataba, para desvincularse del". E sostén que, desa forma, está "a xerar unha situación de desarraigamento das menores, separándoas da súa familia paterna extensa e dos seus amigos e compañeiros colexiais".

Por iso, o "interese superior" destas "é permanecer na mesma situación en que se achaban, polo menos ata as medidas definitivas". 

Comentarios