Negreira acorda non subir a tarifa da auga para o 2012

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou este xoves que a Empresa Municipal de Augas (Emalcsa) conxelará a tarifa da auga para o próximo ano.

Esta medida decidiuse no consello de administración de Emalcsa celebrado este xoves e alcanzará tanto ás familias como ás empresas e autónomos.

"Tomamos a decisión de conxelar un ano máis o importe da auga. é unha boa noticia, acorde co obxectivo de non cargar máis aos cidadáns, ás familias, aos autónomos e aos empresarios", destacou o alcalde tras a segunda reunión do consello de administración da Empresa Municipal de Auga neste mandato.

Negreira informou en rolda de prensa de que, para conxelar a tarifa, Emalcsa "aposta, do mesmo xeito que o Concello, pola redución do gasto e por manter a calidade do servizo aos clientes".

Ademais, anunciou que a próxima semana o Concello reunirase co resto de municipios da comarca para analizar a posta en marcha da nova depuradora de augas residuais de Bens.

A previsión é que a infraestrutura empece a funcionar en maio de 2012.

Negreira aclarou que este proxecto é metropolitano, polo que as decisións que se adopten serán en base ao consenso de todos os municipios.

O rexedor coruñés defendeu que a nova depuradora significa acabar cos "millóns e millóns" de litros de augas residuais que se vertían ao mar.

Comentarios