Negreira apoia ao director da asesoría xurídica e asegura que actuará ''con coherencia''

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, apoiou na mañá deste mércores o director da asesoría xurídica municipal, Afonso García Magariños, e reiterou que o Concello seguirá as recomendacións dese departamento no caso Millán Astray por "coherencia".

"Sempre fixemos caso á asesoría xurídica", afirmou Negreira en declaracións aos xornalistas.

O rexedor recordou que durante a súa etapa na oposición o PP votou a favor de acudir en defensa dos acordos do Concello seguindo as recomendacións da asesoría xurídica.

Por iso, Negreira quixo "dar por resolto" o asunto e reiterou que o Concello manterá unha postura de coherencia "total" e seguirá as recomendacións da asesoría xurídica como fixo ata o momento, "gústenos máis ou menos".

Deste xeito, o alcalde saíu ao paso das críticas vertidas durante estes días pola oposición tras coñecerse a existencia dun novo auto ditado polo xulgado do contencioso-administrativo número 1 anterior ao emitido polo número 3 que rexeitou a decisión de retirar a distinción de fillo predilecto da cidade ao militar -aínda que si permitiu retirar o seu monumento e cambiar de nome á praza-.

De feito, o BNG chegou incluso a pedir a dimisión do responsable da asesoría xurídica, Alfonso García Magariños, algo que Negreira descartou.

"Goza de moi boa saúde", ironizou.

Comentarios