Novas revelacións da Pokemon: recualificacións, enchufes, encerronas e facturas falsas

A xuíza Pilar de Lara, titular do xulgado de instrución número un de Lugo, levantou este venres outra parte do sumario do caso Pokemon, que indaga nunha trama de corrupción ao redor do grupo Vendex.

E o que se deu a coñecer este venres (e que os medios de comunicación impresos detallarán nas súas edicións deste sábado) inclúe, na parte lucense, desde recualificacións de terreos na capital ata facturas infladas por unha xefa de unidade da Deputación, e na parte coruñesa, enchufes do alcalde e "encerronas" a persoal do Acuario, todo iso supostamente e sempre segundo os testemuños, escoitas e informes varios recollidos nas partes dadas a coñecer este venres.

Eses documentos tamén permiten ver o estendido que estaba a práctica do enchufe na clase política galega, pois nun dos informes aparece unha relación de recomendacións que abarca desde o socialista Pachi Vázquez, cando era conselleiro de Medio Ambiente, ata o nacionalista Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, pasando polo popular José Manuel Romay Beccaría, presidente do Consello do Estado.

Todas esas revelacións figuran detalladas nas informacións anexas, elaboradas a partir de teletipos das axencias Efe e Europa Press.

Comentarios