Núñez Feijóo quéixase do "boicot" á lei de saúde

Insta o Goberno a aceptar o acordo que propón a Xunta
Núñez Feijóo. EFE
photo_camera Núñez Feijóo. EFE

A reforma da lei galega de saúde, con parte dun artigo -o que fai referencia á vacinación- suspendido tras admitir a trámite o Tribunal Constitucional (TC) o recurso impulsado polo Goberno central, converteuse en protagonista da sesión de control que albergou este martes o Parlamento galego.

Unha sesión na que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, volveu a lamentar o seu "boicot" e insistiu no seu aviso: "Os galegos e o resto de españois estaremos desamparados tras o 9 de maio", cando finalice o estado de alarma.

De pór no foco do debate a norma encargouse o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen advertiu á Xunta que debe actuar no marco "do Estado de Dereito" e sen "vulnerar" os dereitos fundamentais dos cidadáns. Enfronte, Feijóo defendeu a lei e advertiu que o Executivo que dirixe Pedro Sánchez "nin lexisla nin deixa lexislar".

"Todos os galegos e españois estamos desamparados a partir do 9 de maio por inacción continuada e constante do Goberno. Tiñamos unha resposta, pero foi boicoteada polo Goberno, polo PSOE, polo BNG e Vox, que son os que se opuxeron á lei", aseverou Feijóo, quen reiterou que o Goberno de Aragón ten unha lei de similar contido á galega e non foi recorrida.

"¿é que seica o Goberno de Aragón ten máis competencias? ¿Cal é o problema? ¿Que esta lei non está publicada en catalán?", preguntou e revelou que, no marco das negociacións entre ambas as administracións, o pasado luns a Xunta propuxo ao Executivo central "unha interpretación" (un acordo interpretativo) para tratar de buscar unha solución ao conflito sobre a lei de saúde. "¿Van aceptala?", preguntaron.

"¿Por que non asinan esta interpretación?", insistiu, antes de lamentar que o Executivo central fose ao TC sen sentar previamente coa Xunta a negociar como si notificou a intención de facer con dous novos conflitos que, revelou, expón o Goberno central en relación ás leis galegas de reactivación económica e de residuos.

"Aí se que nos chaman a sentar a negociar. ¿Por que na lei de saúde non e recorreron (ao TC) de forma directa?", preguntouse o máximo mandatario galego.

Comentarios