
Os dietistas-nutricionistas serán vacinados en fase 3 igual que todo o colectivo sanitario, segundo confirmou o Colexio profesional a Efe este mediodía. "Avisáronnos do Sergas e dixéronnos que nos inclúen finalmente no plan de vacinación, tal como estabamos a solicitar", explicou Montse Torres, vogal do Colexio Profesional de Dietistas-Nutricionistas.
Estes profesionais buscaban unha resposta da administración autonómica desde o pasado 18 de febreiro, pero nun primeiro momento a súa solicitude non foi tida en conta e nunha resposta oficial da Consellería de Sanidade informábaselles de que este colectivo non se consideraba "prioritario" nunha primeira fase de vacinación fronte á covid-19.
O Colexio alegara, para facer recapacitar á Xunta, que a definición que fai a lei de 2003 sobre os profesionais sanitarios incluía ao colectivo dos dietistas-nutricionistas e que apartarlles das primeiras fases de vacinación supoñía un "agravio comparativo con outras comunidades autónomas que si están a vacinar a colegas de profesión", explicou Montse Torres.
Na carta remitida pola Xunta ao Colexio de Dietistas-Nutricionistas o 27 de febreiro escusaban a súa resolución explicando que eran "sensibles á solicitude" pero que, en realidade, correspondíalles vacinarse "en próximas fases, tendo en conta a idade e os factores de risco", xa que así o decide un grupo de traballo estatal que fixa as normas para todas as comunidades autónomas. Con esta reconsideración, a vogal do colectivo profesional, Montse Torres, deu por pechada esta fronte e congratulouse pola nova decisión dos responsables da Xunta de Galicia.