O acusado por terrorismo de Vimianzo busca agora "limpar o seu nome"

O alxerino Abdelkader Redjimi volveu a casa tras estar retido 72 horas en Madrid ►Para volver necesitou da caridade da xente porque se atopaba sen diñeiro

O alxerino Abdelkader Redjimi, veciño de Vimianzo acusado de integración en redes de inmigración utilizadas polo grupo terrorista Estado Islámico, puido volver a casa este xoves tras pasar ao redor de 72 horas retido nunha comisaría de Madrid.

En declaracións á Radio Galega, Redjimi quixo expresar o seu profundo malestar por todo este tema, do que se desvincula totalmente. "Eu non teño nada que ver co terrorismo", declarou o veciño de Vimianzo tras volver a casa, "isto non é unha cousa de broma xa que acabou saíndo en todo o mundo: a televisión de Alxeria, de Francia...".

Para volver a Galicia desde Madrid, Abdelkader Redjimi viuse obrigado a pedir diñeiro na estación de tren xa que o diñeiro do que dispuña non lle chegaba para o billete. Finalmente obtivo o capital necesario grazas á caridade da xente e puido subirse ao tren no que chegou este xoves.

En canto aos presuntos feitos delituosos o acusado declarou que unicamente estaba a axudar a que o seu irmán puidese trasladarse desde Turquía, onde se atopaba, ata Galicia. "O único que quería era axudar ao meu irmán, nada máis. Non teño nada que ver co terrorismo", declarou.  

Ademais o alxerino declarou o seu agradecemento a todas as persoas que o mostraron o seu apoio, desde os seus propios veciños ata as autoridades de Vimianzo, e salientou o seu obxectivo de "limpar o seu nome" tras o inxusto trato que, como el di, propináronlle ao acusalo dun tema tan delicado como o terrorismo.

Comentarios