O Parlamento elixe aos membros do consello de administración da CRTVG e do Consello Contas

Os deputados de AGE, BNG e grupo Mixto criticaron durante a súa quenda de palabra o pacto alcanzado entre PPdeG e PSdeG para a designación dos integrantes do consello de administración da televisión pública

O Parlamento de Galicia elixiu este luns aos membros do consello de administración da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) e aos candidatos para a cobertura de tres vacantes do Consello de Contas.

Os novos membros do consello de administración da CRTVG tras a votación efectuada na sesión extraordinaria celebrada esta tarde na Cámara galega son Xosé Antón García Ferreiro e Leticia Vilar Pumares, propostos polo PSdeG, e Luis de la Matta, Higinio Meijide Gómez, Ana Peón Piñeiro e Beatriz Soler Vázquez, a proposta do PPdeG.

Na votación emitíronse 65 votos, dos cales 7 foron nulos e 3 en branco.

Na mesma sesión vespertina do Parlamento galego foron designados para ocupar tres vacantes do Consello de Contas, Ana María Otero López e José Antonio Redondo López, propostos polo grupo Popular, e Begoña Villaverde Gómez, por parte do grupo socialista.

O debate máis candente no hemiciclo da Cámara lexislativa galega produciuse cando os portavoces tomaron a palabra no punto tres da orde do día previa á votación para a elección dos membros do consello de administración da CRTVG.

Os deputados de AGE, BNG e grupo Mixto criticaron durante a súa quenda de palabra o pacto alcanzado entre PPdeG e PSdeG para a designación dos integrantes do consello de administración do ente público que inclúe a radio e televisión públicas autonómicas.

A deputada do grupo Mixto Carmen Iglesias criticou "o idílico romance" entre as dúas formacións e a súa "prema" para "deixar ben atado o control deste medio antes de que acabe a lexislatura".

Iglesias criticou que o PP se fará co control da radiotelevisión galega ata o ano 2020 coa conivencia e a complicidade do principal partido da oposición".

Na mesma liña que Iglesias, o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, considerou que o acordo "degrada a democracia e o autogoberno" de Galicia.

"PP e PSOE converten a renovación dos órganos estatutarios e do consello de administración da CRTVG nun auténtico cambalache e nunha fraude á democracia", comentou.

"Como manifestou o señor -Pedro- Puy (deputado e portavoz parlamentario do PPdeG) que a algúns grupos gustaríanos mandar máis, o problema é que vostedes seguen practicando a máis vella política de repartición de cotas para blindar o bipartidismo", dixo Jorquera.

No caso da CRTVG, o portavoz parlamentario do BNG dixo que PPdeG e PSdeG pactan "incumprindo a legalidade de forma flagrante", ao indicar que ata que o Parlamento aprobe o acordo marco as persoas designadas este luns non poderán tomar posesión do cargo como membros do consello de administración da compañía.

Jorquera criticou ademais que a Mesa do Parlamento, ante a queixa presentada por AGE, BNG e grupo Mixto, respondeu a estes grupos que "non pasa nada por pasarse polo forro a Lei porque a Lei non contempla as consecuencias deste proceder".

O portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, cualificou a elección dos membros do consello da CRTVG como un proceso "no que o escenario da política convértese nunha farsa tráxica".

"Se existise cultura democrática e republicana na cidadanía o que estamos a vivir este luns, que é realmente tráxico aínda que sexa unha farsa, non podería ocorrer porque a cidadanía se sublevaría, civicamente, pero se sublevaría", dixo Beiras.

O veterano político dixo que o que realmente lle preocupaba deste procedemento "é onde deixou a súa dignidade o PSdeG-PSOE".

José Luis Méndez Romeu, portavoz do grupo socialista, recordou que hai unha semana ducias de gobernos en Galicia constituíronse mediante un pacto "entre as forzas políticas que aquí se despachan con todo tipo de cualificativos".

"Estarían enganados cando pactaban a gobernación das institucións ou quizais este luns perden algo que lles doe e que lles impide aceptar os resultados democráticos", preguntou o deputado do PSDEG.

Nesta liña recordou que os socialistas veñen demandando desde hai varios anos que se cumpra a Lei de Medios Públicos de Comunicación de Galicia.

"Demandamos que se cumpra esa Lei porque a situación evolucionou a peor nestes anos", indicou Méndez Romeu.

Así, dixo que as canles públicas en Galicia retrocederon en audiencia "de forma moi importante" e que de manterse a tendencia dos últimos anos desaparecerían.

Ademais, demandou unha política distinta cos profesionais da televisión e a radio públicas e dixo que a canle pública "non pode ser o altofalante do Goberno".

O portavoz do grupo Popular, Pedro Puy, criticou que algúns grupos "reivindiquen a Lei que non votaron" pero lles emprazou a non cualificar de ilegal o procedemento para a elección do consello de administración da CRTVG "cando está avalado polos servizos xurídicos da Cámara".

Puy destacou que é a primeira vez que os candidatos ao consello de administración comparecen nesta Cámara e que tamén é novo que se explica o voto, "algo que non se facía cando o Bloque participaba e propuña candidatos baixo o liderado precisamente do señor Beiras".

Ademais, Puy indicou que a Lei "reforza" a súa independencia do Goberno, "precisamente porque non coincide co mandato da maioría parlamentaria".

O portavoz do PPdeG recordou que a AGE lle correspondería ter un membro no consello de administración da CRTVG "se non fose porque tivo unha escisión o grupo parlamentario, o cal explica por que o grupo Mixto di o que di deste proceso de elección".

Comentarios