O Porriño despide ás vítimas do accidente

O bispo da Diocese de Tui-Vigo, Luís Quinteiro, oficiou o funeral polos falecidos no descarrilamento

O bispo da Diocese de Tui Vigo, Luís Quinteiro, presidiu este mércores o funeral polas vítimas do accidente ferroviario que o pasado día 9 cobrouse a vida de catro persoas.

No sinistro faleceron o maquinista, José Arnaldo Moreira, de nacionalidade portuguesa e de 45 anos, o interventor de Renfe Miguel Ángel Veiga, de 56 anos, Joaquín Rodríguez, de 23 anos, que se estaba formando como maquinista, e un turista norteamericano.

Ademais, resultaron feridas outras 49 persoas, unha das cales continúa hospitalizada.

Ao funeral, celebrado na parroquia de Santa María, asistiron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e as alcaldesas do Porriño, Eva García de la Torre, e de Mos, Nidia Arévalo, así como familiares e amigos das vítimas.

O bispo sinalou na súa homilía que o accidente supuxo "un golpe tremendo" que deixou "conmovidos a todos", especialmente a "moitas familias rotas" que perderon aos seus seres queridos ou resultaron feridos.

Quinteiro destacou tamén a reacción "exemplar" de particulares e dos servizos de urxencia que desde un primeiro instante brindaron a súa axuda aos afectados pola traxedia ferroviaria.

Abundou en que estiveron "á altura dunha sociedade absolutamente exemplar", demostrando que Galicia ten "unha alma grande".

Os restos do convoi accidentado, que realizaba o traxecto Vigo-O Porto, permanecen na estación do Porriño baixo custodia policial á espera de ser examinados polos peritos.

No momento do descarrilamento, o tren circulaba a 118 quilómetros por hora nunha vía na que estaba limitado ir a 30 quilómetros por hora, á que foi desviada por uns traballos de mantemento rutineiro na zona.

Así se desprende da análise dunha das dúas 'caixas negras' instaladas no convoi, cuxos resultados foron envorcados a pasada semana nos xulgados do Porriño.

Actualmente hai abertas dúas investigacións sobre o accidente de tren, unha xudicial e outro dependente do Ministerio español de Fomento.

Comentarios