Denuncian ante a Valedora que concellos como Moaña "coartan" os dereitos de vendedores ambulantes

Representantes do colectivo reuníronse coa Valedora do Pobo para expor aos concellos que retiran o posto aos vendedores "por un simple recibo impagado ou unha multa"
Sinaí Giménez y representantes de diversas asociaciones gitanas
photo_camera Sinaí Giménez y representantes de diversas asociaciones gitanas

Representantes do Sindicato Nacional Gitano denunciaron este martes ante a Valedora do Pobo, Milagros Otero, que concellos como o de Moaña, que dirixe Leticia Santos, "coartan" o dereito a traballar dos vendedores ambulantes ao "retirarlles" o posto de traballo "por un simple recibo de lixo impagado ou por unha multa de tráfico". En declaracións aos medios tras o encontro que tivo lugar na sede compostelá da institución, Miguel Valverde, un dos portavoces do colectivo, manifestou a súa satisfacción tras a reunión con Otero.

"Non se pode consentir baixo ningún concepto que por unha pequena falta de pagamento unha familia quede sen o pan dos seus fillos. Por iso vimos denunciar esta situación; pero tamén para buscar solucións", explicou. Así, censurou que haxa consistorios que pidan "o certificado de non ter débedas" e que, ante unha "pequena falta de pagamento", retiran o permiso ao feirante.

E fixo fincapé en que non se trata dun feito illado, senón que son "moitos" os afectados por esta cuestión. "Teñan en conta que para moitos vendedores ambulantes esta é a súa única fonte de ingresos, así que menoscaban a capacidade de integración desta xente e de poder saír adiante", engadiu.

En solucionar esta problemática leva traballando un mes o Sindicato, pero tamén hai outras asociacións implicadas como a Federación da Sociedade Xitana, a Asociación de Marroquís ou a de Mulleres Xitanas. De feito, no encontro participou o coñecido como 'príncipe dos xitanos', Sinaí Giménez. Confían en que a reunión coa Valedora sexa o primeiro dunha serie de encontros coas distintas administracións para abordar o asunto.

Comentarios